A CIG expresa o seu apoio á mobilización do 8 de setembro “Pola dignidade dos medios públicos de Galiza”

Demanda medios públicos que cumpran coa finalidade para a que foron creados: a defensa da identidade, cultura e lingua das e dos galegos
Nacional - 04 Set 2018

A CIG manifesta o seu apoio á mobilización que, baixo o lema “Pola dignidade dos medios públicos”, terá lugar o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela. A central sindical rexeita a manipulación informativa e a crecente precarización nas condicións laborais, cunha temporalidade que acada o 40%; censura a supresión de programas como o Diario Cultural e as desconexións locais; repulsa o seu desmantelamento e reclama que tanto a Radio como a Televisión de Galiza cumpran coa finalidade coa que foron creados: promover a identidade, cultura e linguas galegas.

A marcha, convocada polos comités de empresa da CRTVG e CRTVE en Galiza, sairá ás 10:30 horas desde as instalacións de San Marcos, percorrendo un treito do Camiño de Santiago até culminar ás 12:30 horas en Praterías. Será alí onde se dea lectura a un manifesto por parte das xornalistas Marga Pazos e Rita Alonso, así como as actuacións musicais de Uxía Senlle, Guadi Galego e Xabier Díaz. 

A CIG rexeita a manipulación informativa e a crecente precarización nas condicións laborais

 No chamamento incídese na necesidade de defender uns medios dotados de recursos humanos e técnicos suficientes, a produción de contidos proprios de calidade e coa perspectiva de servizo público, ademais de exixir a fin das inxerencias políticas na liña informativa.

Convidan, finalmente, a “traballadores/as, colectivos e cidadanía en xeral” a asistir masivamente á mobilización, coa finalidade non só de socializar o conflito nos medios públicos galegos, se non de aplicar un serio correctivo a unhas políticas do PP que, alén dos ataques aos dereitos laborais, pretenden desvirtuar a súa propia razón de ser.