A CIG expresa o seu pesar polo falecemento de Xosé Luís Méndez Ferrín

Nacional - 19 Nov 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) expresa o seu pesar polo falecemento de Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), escritor, intelectual e militante comprometido coa causa nacional galega e coa emancipación da clase traballadora.

Figura fundamental da cultura galega contemporánea, Méndez Ferrín foi membro do grupo Brais Pinto e participou na fundación da Unión do Povo Galego (UPG). Tamén estivo vinculado á Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), unha das organizacións que deron orixe á CIG.

Doutor en Filoloxía, catedrático de Literatura e expresidente da Real Academia Galega, destacou polas súas achegas á creación literaria, ao xornalismo e aos estudos lingüísticos e literarios. A súa traxectoria intelectual, cultural e política estivo marcada pola defensa da lingua galega, da identidade nacional e dos dereitos da clase traballadora, causas que concibiu como parte dunha mesma loita e polas que chegou a ser encarcerado.

A CIG traslada o seu afecto, solidariedade e condolencias á súa familia, amizades e persoas achegadas, e recoñece o legado de quen foi unha figura esencial da historia cultural, política e social de Galiza dende a segunda metade do século XX.

Que a terra che sexa leve, compañeiro!