A CIG faise con 8 dos 9 representantes que se escollían no comité da construtora San José

Trátase dunha das empresas do sector máis importantes da provincia de Pontevedra

Pontevedra -

A federación da Construción e Madeira da CIG fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa San José, unha das máis importantes da provincia de Pontevedra, ao lograr 8 dos 9 representantes que se escollían no comité.

A central sindical obtivo 6 delegados/as no colexio de especialistas grazas aos 52 votos colleitados (dun censo de 103 persoas) e 2 no de persoal técnico e administrativo, no que só a CIG foi quen de presentar candidatura, sumou 10 apoios (dun censo de 29 persoas). O resto da representación complétaa COO, que conseguiu un delegado/a tras contabilizar 13 dos 65 votos emitidos no colexio de especialistas. 

No anterior proceso electoral a central lograra o único delegado/a que se escollía

No anterior proceso electoral, celebrado hai catro anos, a CIG-Construción xa se fixera co único representante que se escollía, xa que a empresa contaba daquela con menos de 30 traballadores/as. O cadro de persoal da construtora San José, con sede en Pontevedra e unha das máis importantes da provincia, supera na actualidade os 130 empregados/as.

Dende a FCM-CIG agradecen o respaldo amosado polos/as traballadores/as de San José ao intenso traballo desenvolvido pola representación da central sindical nestes anos en defensa dos dereitos laborais e adiantan que continuarán a reclamar melloras nas condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal da empresa construtora.

Volver