A CIG-Ferrol amosa a total repulsa ao novo ataque á Cruz Vermella e chama a unha resposta social firme para frear o fascismo

Ferrol - 02 Out 2026

A CIG-Ferrol quere amosar a súa total repulsa ao novo ataque cometido contra a ONG Cruz Vermella e defende a necesidade de dar unha resposta social firme e unitaria para frear o avance do fascismo. A central advirte que este tipo de actuacións contra os dereitos e as liberdades colectivas e individuais semellan cada vez máis habituais na cidade e, neste sentido, condena o ataque sufrido tamén no seu domicilio por un coñecido activista social.

 

A CIG traslada a súa solidariedade a este compañeiro militante e a todas as persoas vinculadas á Cruz Vermella, e ao tempo que pon en valor o traballo que realiza esta entidade nos distintos ámbitos sociais, quere sinalar a responsabilidade de quen, cos seus discursos, fomenta o odio, alenta e normaliza este tipo de agresións e pretende negar os dereitos máis básicos.

Por iso, co obxectivo de organizar mobilizacións para dar unha resposta social a este novo ataque fascista, a central anima a participar na reunión en réxime de autoconvocatoria do próximo luns, 5 de outubro, ás 18h, no local da CIG (Avenida do Esteiro).

A Unión Comarcal da CIG subliña que unha cidade "que foi exemplo de loita contra o franquismo e a represión, que acolleu mobilizacións obreiras multitudinarias en demanda de dereitos e liberdades civís, non pode ficar pasiva ante o medre do fascismo e a xenofobia. Cómpre reaccionar e demostrarlle alto e claro a esa minoría intolerante e antidemocrática que Ferrolterra non vai aceptar estes ataques, as ameazas e a violencia nas súas rúas".