A CIG-Ferrol vén de reclamar publicamente a cesión dos terreos da central térmica de Endesa nas Pontes e un novo plan de desenvolvemento para garantir a reindustrialización da localidade, xa que considera “inaceptábel” que As Pontes continúe sen dispoñer de solo industrial para acoller novos proxectos mentres existen amplas superficies e infraestruturas industriais vinculadas á compañía eléctrica que permanecen sen uso ou en proceso de desmantelamento.
Dende a central sindical inciden en que a comarca atravesa unha situación que require “respostas inmediatas”. O peche da central térmica de Endesa supuxo un “enorme” impacto económico e laboral para As Pontes, “polo que entendemos que a empresa ten unha responsabilidade evidente coa reindustrialización do territorio”. Neste contexto, a CIG considera que non se pode permitir que os terreos e instalacións que durante décadas estiveron vinculados á actividade industrial permanezan bloqueados mentres proxectos xeradores de emprego atopan dificultades para localizar solo e infraestruturas.
Calquera novo proxecto que se implante nas instalacións das dúas empresas existentes na actualidade -EINSA e Galcore- deberá asumir, como condición indispensábel, o mantemento e a recuperación do emprego
Por iso, desde a CIG-Ferrol reclámanlle á Xunta de Galiza e á propia Endesa a sinatura dun novo plan de desenvolvemento, con compromisos concretos polas dúas partes, no que a empresa, ademais de aportacións económicas para novos proxectos, realice a cesión dos terreos, instalacións e infraestruturas industriais que posúe nas Pontes, poñéndoos á disposición da reindustrialización e dos novos proxectos produtivos. “Consideramos que esta debe ser unha das prioridades das políticas de ‘transición xusta’ e que non se pode seguir baseando a recuperación industrial na simple compravenda de instalacións existentes”.
Asemade, a central sindical denuncia que esta situación está a producirse mentres existen persoas traballadoras afectadas polo peche ou pola perda de actividade das compañías existentes, como acontece con EINSA e Galcore. “Calquera novo proxecto que se implante nas instalacións destas dúas empresas deberá asumir, como condición indispensábel, o mantemento e a recuperación do emprego, garantindo que as persoas traballadoras teñan prioridade e sexan incorporadas, con todos os seus dereitos, aos novos proxectos industriais que se desenvolvan sobre as súas instalacións ou actividades”.
Así, a CIG sostén que na situación actual a creación de emprego mediante a utilización da dispoñibilidade de instalacións industriais como mecanismo para facilitar novas implantacións empresariais “pódese contemplar sempre que o balance en postos de traballo sexa positivo”, mais non se pode aceptar mentres se deixa atrás o persoal que sufriu directamente os procesos de destrución de emprego”.
Ao mesmo tempo, dende a central sindical consideran igualmente necesario que a Xunta explique con total transparencia que proxectos están previstos para as instalacións de EINSA, que investimentos públicos se están realizando, cales son as condicións das operacións e que garantías de emprego se van estabelecer. “A información coñecida até o momento resulta insuficiente para coñecer o destino dunhas instalacións que poden desempeñar un papel fundamental na reindustrialización das Pontes”.
Neste senso, entenden que non é admisíbel que se fale de ‘transición xusta’, reindustrialización e creación de emprego mentres se permite que os recursos industriais existentes continúen sen unha planificación clara e mentres as persoas traballadoras afectadas pola crise industrial quedan nunha situación de incerteza.
“Dende a CIG defendemos que a reindustrialización das Pontes debe asentarse no aproveitamento público e produtivo dos terreos e infraestruturas existentes, creación de emprego industrial estábel e de calidade e garantía de incorporación das persoas traballadoras afectadas polos procesos de destrución de emprego”.
Finalmente, a CIG fai fincapé en que As Pontes non pode converterse nun territorio no que se socialicen as perdas e se privaticen as oportunidades. “Se existen terreos, instalacións, infraestruturas e recursos públicos destinados á transición industrial, deben servir para garantir un futuro produtivo para o municipio e, fundamentalmente, para recuperar e crear emprego para as persoas traballadoras da comarca”.
Polo que a central sindical seguirá a defender que a transición industrial das Pontes non pode facerse ás costas da clase traballadora e que ningún novo proxecto que reciba apoio público pode esquecer as persoas traballadoras afectadas neste proceso de desmantelamento.
Principais demandas da CIG para As Pontes
- A sinatura dun novo plan de desenvolvemento para As Pontes, co mecanismo executivo dunha comisión Xunta-Endesa-sindicatos, reproducindo e actualizando o do período 1997-2012,” que demostrou ser válido e de referencia.”
- A cesión por parte de Endesa dos terreos, instalacións e infraestruturas industriais que posúe nas Pontes para facilitar a implantación de novos proxectos produtivos.
- Que calquera novo proxecto que se implante nas instalacións de EINSA e Galcore garanta a incorporación e subrogación das persoas traballadoras afectadas.
- Que a Xunta e XESTUR poñan todos os recursos dispoñíbeis ao servizo dunha “verdadeira” reindustrialización, evitando operacións que non leven aparelladas garantías de creación e mantemento de emprego e que se informe publicamente e con transparencia sobre as operacións realizadas por XESTUR e sobre os proxectos previstos para as instalacións industriais existentes.
- Que se estabelezan compromisos concretos de emprego, investimento e actividade industrial como condición para o acceso aos terreos, instalacións e axudas públicas.