A CIG-Ferrol reclama que o presidente do Goberno español reciba a comisión de axentes sociais

Cualifica de pura propaganda a presenza de Sánchez no acto de corte de chapa
Ferrol - 05 Abr 2022

O mércores 6 de abril, o presidente do Goberno español visitará Ferrol nun acto puramente propagandístico. Será a primeira vez que un presidente do goberno do Estado acuda a unha acción construtiva como o corte de chapa dunha fragata. "E virá presentalo a toda pompa, como o compromiso do Goberno coa nosa comarca", denuncia o secretario da CIG-Ferrol, Manuel Anxo Grandal, quen cualifica este acto de "nova cortina de fume para intentar calarnos".

Lembra que no mes de xuño do pasado ano as organizacións sindicas e empresariais da comarca tramitaron solicitudes de reunión coa ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, a ministra de Facenda, a ministra de Traballo e a presidenta da SEPI para abordar as medidas máis urxentes que precisa a bisbarra e pórlle prazos para a súa materialización.

No mes de xullo, ademais, solicitáronse xuntanzas coa ministra de Industria e a de Economía "e demandámolas con carácter de urxencia ante a emerxencia social e laboral que as nosas comarcas está na padecer". Desas solicitudes, malia a situación crítica da bisbarra e a resposta social, non houbo resposta.

Unha actitude semellante a que mantén o Goberno galego, da que se está a esperar, dende o mes de decembro, resposta ás distintas reivindicacións formuladas ao conselleiro de Economía e Empresa, responsábel da política industrial da que a Xunta ten plenas competencias.

"Dende a CIG non imos calar, non i,os tragar con rodas de muíño, ternos moi claro cales son as nosas necesidades na defensa do emprego e do futuro das nosas comarcas: dende os investimentos nos estaleiros -única garantía de subsistencia do motor económico da comarca-, até a demanda dunha transición xusta, con proxectos creadores de emprego; así como as necesarias infraestruturas que nos permitan saír do illamento histórico ao que nos teñen condenado", subliña Grandal.

Por iso, esixe publicamente que na visita a Ferrol deste 6 de abril, os presidentes dos  Gobernos español e galego reciban a comisión dos axentes sociais (organizacións sindicais e empresariais), porque "do contrario estaríamos ante unha proba máis da falta de respecto e compromiso con Ferrolterra, unha mostra palpábel, do menosprezo absolución para con nós e co país".