A CIG gaña as eleccións ao comité de empresa do Concello de Fene

A central faise con 5 delegados/as que conformarán o órgano de representación do persoal laboral
Fene - 10 Mai 2019

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais ao comité de empresa celebradas no Concello de Fene, ao facerse con cinco delegadas/os no órgano de representación do persoal laboral. Dende CIG-Administración destacan a elevadísima participación neste proceso no que acudiron a votar 32 traballadoras/es dun censo total de 34 traballadoras/es, o que supón unha participación do 94%.

Este bo resultado súmase ao éxito acadado hai unhas semanas nas eleccións sindicais para representantes do funcionariado, onde cunha participación do 95,16%, a central nacionalista obtivo 3 representantes cun 66% dos votos.

A CIG quere agradecerlle ao persoal laboral do Concello o seu apoio nestas eleccións "que nos permitiu revalidar a maioría e a unidade dos traballadores e traballadoras municipais fronte á imposición do actual goberno, co apoio e a complicidade dunha  parte da representación sindical".

Os/as representantes da CIG reiteran o seu compromiso "para seguir traballando arreo para promover un clima de diálogo, boa fe negociadora e respecto mutuo que nos permita  establecer e sentar as bases de futuros acordos sobre todos aqueles temas que incluímos no programa co que concorremos a estas eleccións".