A CIG gaña as eleccións en Froiz de Ourense a pesar dos intentos de boicot

A central tivo que presentar denuncia na Fiscalía ante a suspensión do proceso por parte da empresa
Ourense - 30 Nov 2020

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas en Froiz da provincia de Ourense a pesar dos intentos da empresa de boicotear o proceso. A central tivo que presentar denuncia diante da Fiscalía e da Inspección de Traballo por vulneración de dereitos fundamentais, despois de que a dirección decretase a suspensión das votacións coa escusa da crise sanitaria.

A CIG fíxose con 6 dos 13 delegados/as que se escollían no comité, quedando a un só voto de lograr representación entre o persoal técnico e administrativo, o que lle daría a maioría absoluta. Con todo, sumou un total de 122 votos, fronte aos 85 da USO (4 representantes: 3 no colexio de especialistas e 1 no de técnicos/as e administrativos/as) e os 48 da UGT (3 representantes: 2 no colexio de especialistas e 1 no de técnicos/as e administrativos/as).

Froiz chegara a decretar a suspensión por un mes das votacións coa escusa da crise sanitaria, suspensión prorrogábel a un mes máis. “Todo para que lle dera tempo a condicionar o voto do seu persoal, maiormente o do máis precario”, denuncian dende a CIG. Tratouse dunha decisión empresarial “defendida ardorosamente” polos representantes legais do departamento de recursos humanos e polo sindicato USO durante o acto de arbitraxe promovido pola CIG.

O laudo arbitral resolveu que as eleccións tiñan que se celebrar igualmente, pero a empresa decidiu de xeito unilateral ignorar a resolución e manter a suspensión das votacións. “Tratábase de gañar tempo e favorecer a candidatura amarela da USO”, sinalan dende a CIG. Mais a presión da central sindical, con denuncia ante a Fiscalía e a Inspección de Traballo “fixo dobregar a empresa”, que finalmente permitiu a votación.

Na CIG consideran que o persoal de Froiz “asimilou ben os movementos patronais” e votou “de xeito contundente”, dándolle á central unha maioría que quedou a un só voto de ser absoluta. “A grandeza destes resultados está precisamente no fracasado e desesperado intento da empresa en aprazar as votacións para poder 'espremer' con tempo e adecuadamente o persoal das súas tendas”.

Seguir coa denuncia

Dende a CIG adiantan que non van actuar función dos resultados electorais. “Como seguimos considerando unha grave conculcación e vulneración do dereito de liberdade sindical, e un insólito desprezo á figura do árbitro en materia electoral, mantemos a denuncia presentada ante a Fiscalía da Audiencia Provincial por presunto delito contra a liberdade sindical, tipificada no artigo 315 do Código Penal, artigo habitualmente utilizado pola xustiza española en contra da clase traballadora”.

Finalmente, agradecen o contundente apoio recibido do cadro de persoal de Froiz e asumen “o compromiso de defender até o final os obxectivos que definimos na campaña electoral: a mellora do convenio colectivo provincial e das condicións de traballo na empresa (nomeadamente no que ten que ver coa xornada) e, en xeral, o dereito a un traballo digno e un salario xusto”.