A CIG gaña as eleccións sindicais en Remolcanosa a primeira vez que logra presentar candidatura

A central, que foi a forza máis votada nos dous colexios, logrou 4 dos 9 delegados/as do comité de empresa
Vigo - 21 Ago 2018

A FGAMT-CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas en Remolcadores Nosa Terra (Remolcanosa), a principal naviera galega e a maior compañía de remolcadores do Estado, ao obter 4 dos 9 delegados/as do comité. A central logrou a vitoria a primeira vez que presentaba candidatura na empresa con sede en Vigo e foi a forza máis votada nos dous colexios.

Tras o proceso electoral que se pechou onte, a CIG é o principal sindicato en representación dentro de Remolcanosa, propiedade do dono de Povisa, José Silveira. Esta vitoria ten se cabe máis importancia ao tratarse da primeira vez que a central conseguiu presentar candidatura, xa que en anteriores ocasións as listas da CIG decaeron polas manobras da empresa coa complicidade de outras organizacións sindicais. 

A CIG logrou 51 votos, fronte aos 42 de UGT, os 33 de CCOO e os 15 de Independentes

Neste proceso tamén o intentaron: a candidatura da central ao colexio de técnicos/as e administrativos/as foi impugnada pola mesa electoral o pasado 28 de xuño e non foi proclamada co argumento de atoparse incompleta -dous dos seus integrantes dimitiron na noite anterior ás votacións-, mais non se estableceu un prazo para completala.

A CIG impugnou esta decisión e un laudo da Inspección de Traballo deulle a razón, obrigando a abrir un novo prazo para solucionar as deficiencias. A central logrou completar a lista e puido presentarse, resultando a forza máis votada con 24 apoios; UGT sumou 20, CCOO 16 e Independentes 15. Estes votos traducíronse en 2 delegados/as para a CIG e 1 para cada un dos restantes sindicatos.

Tamén no colexio de especialistas

No colexio de especialistas e non cualificados/as -cuxas votacións se celebraron o pasado 27 de xullo- non houbo problemas coas candidaturas e a CIG fíxose tamén coa vitoria: 27 votos, por 22 da UGT e 17 de CCOO. En delegados/as, a CIG logrou 2 e o resto 1 cada un. Deste xeito, o comité de empresa de Remolcanosa queda integrado por 4 representantes da CIG (51 votos), 2 da UGT (42 votos), 2 de CCOO (33 votos) e 1 de Independentes (15 votos).

Dende a FGAMT-CIG agradécenlle ao cadro de persoal de Remolcanosa a confianza depositada na central e o apoio amosado á súa candidatura a pesar de todos os problemas que se viviron durante o proceso de eleccións sindicais que rematou onte.