A CIG gaña as eleccións sindicais en SEAGA e amplía a súa maioría no conxunto de Galiza

A central obtén 13 dos 24 representantes que se escollían e consegue entrar de novo no comité de empresa de Pontevedra
Nacional - 19 Nov 2026

A CIG revalidou e ampliou a súa maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas hoxe na empresa pública SEAGA ao obter 13 dos 24 representantes que se escollían. A central logrou ademais nesta ocasión entrar de novo no comité de Pontevedra.

Os resultados confirman a representación maioritaria da CIG nos comités de empresa de Lugo e Ourense, nos que obtivo 3 dos 5 delegados elixidos en cada centro, e da Coruña, con 5 dos 9 representantes que conforman o comité. 

Imos traballar con toda a enerxía, contando co impulso dos novos delegados e delegadas e coa confianza depositada polos compañeiros e compañeiras nas urnas

Ademais de revalidar os resultados acadados nas anteriores eleccións, a CIG consegue avanzar no comité de empresa de Pontevedra, no que até o de agora os 5 delegados pertencían a CCOO. Nesta ocasión, a central nacionalista logra entrar neste órgano de representación cun total de 2 delegados.

No cómputo global de SEAGA, a CIG obtén 13 dos 24 representantes elixidos, fronte aos 11 restantes, repartidos entre CCOO, UGT, CSIF e unha candidatura independente. Estes resultados sitúan a central sindical nunha posición maioritaria na defensa dos dereitos e intereses do persoal de SEAGA. “Unha responsabilidade que o sindicato asume co compromiso de traballar con toda a enerxía, contando co impulso dos novos delegados e delegadas e coa confianza depositada polos compañeiros e compañeiras nas urnas”.

Finalmente, dende a CIG agradecen o apoio recibido e reafirman o compromiso coa defensa dos dereitos laborais, coa mellora das condicións de traballo e co fortalecemento da representación das persoas traballadoras de SEAGA.