A CIG gaña as eleccións sindicais entre o persoal laboral do Concello do Barco

O sistema de reparto dálle o 40% da representación no comité a pesar de ter a maioría absoluta con 39 votos

Valdeorras -

A CIG gañou eleccións sindicais que se veñen de celebrar entre o persoal laboral do Concello do Barco ao obter 39 votos fronte os 22 da UGT e os 15 de CCOO. Con todo, o sistema de reparto fai que a central teña unicamente o 49% da representación no comité de empresa a pesar de ter logrado a maioría absoluta co 51,32% dos apoios.

Dende a Unión Local da CIG de Valdeorras valoran moi positivamente o resultado acadado no proceso pola candidatura da central, “xa que vén respaldar o traballo sindical que temos feito pola mellora das condicións laborais do persoal do Concello”. 

A central obtivo 39 votos, fronte aos 22 da UGT e os 15 de CCOO

Lembran que a CIG foi o sindicato que negociou o primeiro convenio colectivo do Concello do Barco a comezos dos anos 90 (primeiro naquel momento dun Concello que non fora capital de provincia), “e tivemos unha incidencia determinante no mantemento das principais conquistas durante a na última negociación”.

Polo tanto, entenden que o persoal laboral do Concello “soubo valorar esta nosa firmeza, polo que asumimos o noso compromiso de seguila mantendo”.

Homoxeneizar as condicións laborais

Entre os retos que teñen por diante, salientan a finalización da Relación de Postos de Traballo (RPT), “que conta xa co acordo practicamente unánime das partes, polo que aproveitamos para esixirlle ao Concello que convoque de inmediato a reunión da Mesa Xeral para a súa aprobación definitiva”.

Tamén queren reiterar, “tendo en conta que o alcalde do Barco é o presidente da FEGAMP en Galiza”, a necesidade de regular de forma homoxénea as condicións de traballo de todo o persoal ao servizo dos Concellos do país.

Finalmente trasládanlle o seu agradecemento ao persoal laboral do Concello do Barco “pola confianza depositada en nós”, ao tempo que renovan o compromiso de “traballar arreo na defensa dos seus intereses como traballadores/as”.

Volver