A CIG gaña as eleccións sindicais no Centro Industrial Porriño, de Nueva Pescanova

A central logrou catro dos nove delegados/as do comité de empresa
Vigo - 06 Mar 2019

A FGAMT-CIG gañou as eleccións sindicais que se veñen de celebrar no Centro Industrial Porriño (antiga Frinova), pertencente ao grupo Nueva Pescanova, ao lograr 4 dos 9 representantes que se escollían no comité de empresa.

Tras o proceso electoral celebrado na empresa de alimentación, a representación do cadro de persoal queda formada por 4 delegados/as da CIG, 2 da USO, 2 da UGT e 1 de CCOO. A central sumou un total de 52 votos entre os traballadores/as da fábrica, os mesmos que o resto de forzas sindicais xuntas.

Con este resultado a CIG afianza a súa posición como organización sindical con máis apoios entre o cadro de persoal do Centro Industrial Porriño, integrado por 172 persoas, xa que foi quen de incrementar a súa representación nun delegado/a con respecto ás anteriores eleccións, nas que lograra 3 representantes.

Dende a central agradecen a confianza amosada polos/as empregados/as deste centro de traballo de Nueva Pescanova e sinalan que seguirán a defender os dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal.