A CIG gaña con ampla maioría as eleccións sindicais entre o persoal funcionario da Xunta

Preto dun 80% dos traballadores/as penalizou as centrais asinantes do acordo de concertación

Nacional -

O sector de Autonómica da federación de Administración da CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas recentemente entre o persoal funcionario da Xunta de Galiza ao obter 46 dos 121 delegados/as que se escollían. Preto dun 80% dos traballadores/as que participaron no proceso que tivo lugar este xoves 11 penalizou co seu voto a CCOO e UGT, os dous sindicatos que asinaron o pacto de concertación do emprego público contra o que a CIG presentou un recurso contencioso administrativo.

A CIG-Autonómica revalidou a maioría obtida nas anteriores eleccións sindicais, que tiveron lugar en 2015, cando se fixera con 51 delegados/as. Nesta ocasión logrou ser a forza máis votada en catro das cinco xuntas de persoal: servizos centrais, A Coruña, Lugo e Pontevedra, mentres que en Ourense quedou en segunda posición con 6 representantes. A central nacionalista sumou un total de 46 dos 121 delegados/as que se escollían nos cinco órganos de representación, 20 máis dos que obtivo a segunda forza. 

A CIG logrou incrementar un 5% o número de votos con respecto ao proceso anterior

Este descenso do número de representantes con respecto a 2015 débese á irrupción dunha nova forza, o Sindicato de Empregados Públicos de Galicia (Sepga), que conseguiu 19 delegados/as. “Trátase dun sindicato corporativo impulsado polo lobby dos subdirectores/as xerais”, sinalan dende a CIG. Con todo, a pesar desta baixada de delegados/as, a central nacionalista incrementou os votos un 5% con respecto ao anterior proceso electoral (de 1928 pasou a 2024). A participación no proceso tamén medrou un 8,21% en relación a 2015.

Os grandes damnificados das votacións foron os sindicatos pactistas estatais CCOO e UGT, que perden un 11% e un 15% de apoios respectivamente. “E iso a pesar de que nunha manobra electoralista asinaron coa Xunta un acordo de concertación que regula a carreira profesional e a funcionarización, entre outras cuestións”. As dúas organizacións xuntas apenas superaron o 20% dos votos, polo que case o 80% do persoal funcionario decantouse por algunha das opcións que non asinaron o acordo de concertación.

Este pacto entre CCOO e UGT e o Goberno galego foi contestado pola CIG coa presentación dun recurso contencioso administrativo xa que non recupera poder adquisitivo, non devolve os dereitos laborais recortados coa escusa da crise e provoca “inxustizas e discriminacións” entre o persoal tanto coa carreira profesional como coa funcionarización, segundo lembra a responsábel da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos.

Perspectiva ética, solidaria e xusta

Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración agradecen publicamente aos milleiros de persoas que confiaron na candidatura da central, xa que este apoio maioritario “significa un grande aval á nosa liña de traballo sindical e á defensa combativa dos intereses do persoal funcionario e polo mantemento dos servizos públicos”. 

O resultado é un grande aval á nosa liña sindical e á defensa combativa dos intereses do persoal e dos servizos públicos

Lembran que a Xunta pretendeu desmantelar a forza da CIG dentro do ámbito de representación dos funcionarios/as, “pero a operación non puido saír adiante porque aquí a CIG somos todos/as os funcionarios/as que nos apoian co seu voto”. Ao mesmo tempo, inciden en que é moi importante que os sindicatos corporativistas non se consoliden entre a representación do persoal, “xa que todos/as perdemos cando traen división e estratificación ao corpo de empregados/as públicos/as”.

Tamén queren deixar moi claro que con esta confianza renovada os delegados/as da CIG “seguiremos a traballar promovendo os acordos que sexan posíbeis sen renunciar a melloras reais, dende unha perspectiva ética, solidaria e xusta e plantándolle cara aos recortes e á perda de dereitos”.

Ademais, adiantan que seguirán a formular propostas “para unha Administración do século XXI”, levando a iniciativa alí onde a Xunta ou os outros sindicatos seguen anquilosados. “E, sobre todo, seguiremos ao dispor e todo o persoal como a mellor ferramenta que temos para poder cambiar as cousas”, indican.

Finalmente, comprométense a manter o traballo “que facemos ben”, e a mellorar “o que facemos mal”, no camiño de conseguir “unha Administración galega mellor e con persoal funcionario de primeira”.

Volver