A CIG homenaxea a Etelvino Blanco por unha vida de loita e compromiso co sindicalismo nacionalista

A sala de reunións da sede da central sindical en Ourense leva desde onte unha placa co seu nome
Ourense - 04 Out 2019

Compañeiros e compañeiras da CIG procedentes de todas as comarcas, membros da Executiva Confederal, o propio secretario xeral, veciñanza de Ourense e numerosos amigos e amigas encheron este xoves o salón de actos da Casa Sindical para lembrar a figura e o papel do que foi durante anos o seu secretario comarcal, Etelvino Blanco, finado o pasado 11 de xullo deixando atrás unha vida de loita e compromiso co sindicalismo nacionalista.

A homenaxe, organizada pola CIG de Ourense, arrincaba en presenza da familia co acto de colocación dunha placa na sala de xuntas do local do sindicato, que desde onte recibe o nome de “Sala de Xuntas Etelvino Blanco”.

De aí o acto trasladábase a un ateigado Salón de Actos da Casa Sindical onde, tras un minuto de silencio na súa memoria, soou a Internacional, o himno que presidiu actos, batallas e asembleas ao longo da vida do compañeiro que, tal e como lembrou Anxo Rúas, fundador do sindicato en Ourense e amigo, iniciou a súa andaina no mundo sindical a inicios de 1977, na “primeira folga importante en Ourense despois de 40 anos de ditadura”, a da Construción.

Desde aquela, e como foron lembrando cada unha das persoas intervintes, foron centos as batallas nas que loitou Etelvino xunto cos compañeiros e compañeiras da CIG de Ourense, máis outras loitas sociais nas que tamén se implicou. Así o plasmou Consuelo García, quen subliñou que mesmo houbo que mobilizarse para recuperar o patrimonio sindical porque , como ben sabía Etelvino, “nunca nos deron nada gratis”.

Anxo Pérez Carballo, actual secretario comarcal da CIG de Ourense, tivo palabras emocionadas para “un compañeiro que foi un piar fundamental do sindicalismo ‘con maiúsculas’; do sindicalismo combativo; do sindicalismo nacionalista; sen débedas, sen entreguismos, honesto. Un sindicalismo ao servizo da clase traballadora”.

Lembrou que Etelvino deixou moitísimas leccións e salientou o seu papel como “un auténtico líder sindical que debería ser coñecido en calquera manual de sindicalismo que se estudara neste país”. Un sindicalista do que destacou que ademais, “se fixo a si mesmo como autodidacta”.

Pechou as intervencións o secretario xeral da CIG, Paulo carril, quen dedicou un poema de Manuel María a Etelvino mais tamén ás persoas asistentes. Un poema que “expresa de forma sublime a continuidade e permanencia das persoas, porque é a mellor homenaxe que se lle pode tributar ao compañeiro Etelvino”.

Del Carril salientou ademais que formou parte dunha xeración de sindicalistas que, sen medios, puxeron as bases dunha organización que hoxe é a primeira forza da Galiza, poñendo o colectivo por riba do particular, e sempre coa defensa da nación e da clase traballadora por diante.

O acto rematou co himno nacional acompañado por unha gaita que, desta volta, atravesou co seu rouco son as paredes do salón de actos para lembrarlle a Etelvino que nin a súa familia, nin os seus compañeiros e compañeiras, nin os seus amigos e amigas, nin a CIG o esquecerán nunca porque forma parte xa do patrimonio e da historia da central sindical.