A CIG impugna na Audiencia Nacional as restricións horarias de atención ao público que pretende Abanca

A medida tería grande impacto laboral e social, nomeadamente para as persoas de maior idade
Nacional - 05 Feb 2020

Abanca anunciou o inicio dun proceso polo que no prazo dun ano, restrinxirán os horarios de servizo de caixa a partir das 11:00 da mañá en todas as oficinas.  Esta medida, que foi impugnada pola CIG na Audiencia Nacional, ten un claro impacto social, nomeadamente entre as persoas de maior idade e no rural do interior de Galiza. Pero tamén ten un impacto laboral.

Os bancos non queren prestar servizos financeiros, e a lei non obriga a que quen ten licenza bancario os preste. Consideran que dar servizo implica un gasto, deben ter persoal (pagar salarios) e deben ter abertos centros de traballo, que doutro xeito poderían pechar. Por iso unha das fórmulas para expulsar á clientela menos “rendible” é o incremento das comisións. Outra é empurrar á clientela cara ao “selfservice”, reducindo o número de oficinas, que pasan a ser centros de atención comercial, onde colocar produtos financeiros que permitan inflar a conta de resultados a través do ingreso de comisións.

Marxinación financeira

Pero para a poboación de maior idade o “selfservice” é marxinación financeira, só un 16% da poboación maior de 60 anos usa a banca telefónica. Esta cifra da idea do impacto da restrición do servizos de caixa, anunciado por Abanca, nomeadamente no rural galego.

Abanca, froito da privatización das Caixas Galegas, ten unha ampla presenza no rural galego, sendo na maior parte dos Concellos a única entidade, non hai alternativas. A restrición dos servizos de caixa, que non se prestará a partir das 11:00 da maña, executarase no prazo máximo dun ano e condena ao peche a curto e medio prazo de moitas oficinas. O impacto sobre o emprego está garantido.

Pero xa de inicio a concentración do servizo de caixa en tres horas, un traballo que ocupaba en moitos casos toda a xornada laboral, levará a un aumento dos ritmos de traballo, haberá maiores colas e queixas da clientela.

Funcións comerciais

Por outra banda a empresa anunciou que o persoal terá “máis tempo para funcións comerciais”, o que implicará un incremento dos obxectivos comerciais para quen actualmente facía funcións administrativas e seguramente os produtos financeiros a colocar serán máis complexos.

A empresa considera que se trata dun simple “cambio” de horario de atención ao público, pero para a CIG é unha modificación das condicións de traballo, polo que presentou impugnación na Audiencia Nacional.

Dende a CIG-Abanca tamén se critica o Plan da Xunta de Galiza para subvencionar aos bancos a instalación de caixeiros automáticos. A Xunta semella traballar ao mandado de Abanca, “Feijoo no canto de demandar servizo e atención á clientela, apoia cos subvencións a instalación de caixeiros facilitando o peche de oficinas bancarias, o que leva a destrución de postos de traballo nos bancos no rural”, critican.