A CIG impugnará os servizos mínimos da Xunta de Galiza para a folga xeral do 11 de novembro por abusivos

Critica que non se tiveran en contas as achegas do sindicato e que o decreto publicado no DOG incida na vulneración do dereito á folga
Nacional - 09 Nov 2026

A CIG considera excesivos e abusivos os servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza para a xornada de folga xeral deste 11 de novembro e anuncia que presentará recurso xudicial por considerar que, máis unha vez, vulneran o dereito fundamental á folga.

A CIG critica que no decreto publicado este luns no DOG non se recolle nin unha soa das achegas trasladadas polas organizacións sindicais e incluso se amplía a actividade a estruturas como a Amtega, as universidades ou a Funga, que non aparecían na proposta de mínimos que a Administración galega presentou a pasada semana na reunión cos sindicatos.

Neste senso, o secretario confederal de Afiliación e Departamentos Técnicos da CIG, Renato Núñez, denuncia que o traballo obrigatorio estabelecido pola Xunta de Galiza “é calcado” ao imposto en convocatorias previas de folgas xerais, malia existiren numerosas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anularon eses servizos mínimos por falta de xustificación.

 “A pesar de ser advertida pola parte sindical, a Administración galega segue decretando uns mínimos que non se axustan a dereito, aumentando incluso o persoal con respecto a folgas previas e amosando incoherencia, como no caso do ensino concertado, no que determina unha actividade diferente para a folga xeral e para a folga sectorial do día previo”, sinala.

Un decreto contrario a dereito

Entre os exemplos máis rechamantes destes servizos mínimos abusivos, Núñez expón o caso da Televisión de Galiza, onde non se estabelecen mínimos nos programas non informativos pero si se determina que “cando non sexa posíbel a emisión dun espazo polo seguimento da folga, emitirase en redifusión un programa xa emitido con anterioridade”.

“Isto vulnera a sentenza do TSXG que recoñece que a emisión de programas xa gravados durante unha xornada de paro é unha práctica contraria ao dereito á folga, xa que transmite unha aparencia de normalidade no servizo que non é real”. Por se non fora abondo, fixa sete efectivos de continuidade para “axustar as redifusións” e mesmo mínimos de maquillaxe, ao determinar unha persoa por quenda laboral. “Saír sen brillos pola televisión non parece que poida considerarse un traballo esencial”, ironiza Núñez.

O responsábel sindical denuncia tamén que a Xunta determine servizos mínimos no persoal do Servizo de Listas de Contrata­ción Temporal cando a duración da folga é de 24h, na Axencia Tributaria “por se coincide co último día de pago de impostos, aínda que a maioría de tributos que se poden abonar de xeito telemático”, ou no servizo de comedor do Centro Superior de Hostalaría de Galiza. “Ao noso entender non fica suficientemente xustificado nin motivado o carácter esencial destes servizos, para que primen sobre o dereito fundamental á folga de quen os presta”, salienta Núñez.

No caso da actividade na sanidade pública, denuncia que esteamos diante duns “servizos máximos”, con presenzas superiores ás que se poden atopar ao longo do ano en moitos centros de atención primaria. E no ensino salienta que o profesorado das unitarias verá dificultado o seu dereito a secundar a folga ao se incluír a obriga de garantir a apertura e peche de todos os centros.

Por todo iso, a CIG xa estuda cos seus servizos xurídicos impugnar o decreto de servizos mínimos e lamenta que, como vén sendo habitual, a Xunta de Galiza nin atenda as resolucións xudiciais nin escoite as propostas das organizacións sindicais para garantir o exercicio efectivo dun dereito fundamental como é o dereito á folga.