A CIG, indiscutíbel primeira forza sindical en Galiza

A central sindical obtivo un total de 5131 delegados/as e o 31,05% da representación total, mellorando os seus anteriores resultados
Nacional - 08 Feb 2024

A CIG sitúase como indiscutíbel primeira forza sindical ao remate do período de eleccións sindicais en Galiza, que se iniciou o 1 de xaneiro de 2020 e finalizou o 31 de decembro de 2023. A central sindical obtivo un total de 5131 delegados e delegadas e o 31,05% da representación total, e mesmo mellorou, obtendo 589 delegados e delegadas máis, un 1,59% máis que hai catro anos.

A CIG manifesta o “orgullo” polo traballo feito polos compañeiros e compañeiras que deron o paso adiante para formar parte deste proxecto colectivo de emancipación nacional e de clase. 

Obtivo 589 delegados/as máis que hai catro anos

Con todo, o importante “non é ser un sindicato con gran número de afiliación e de representación, senón ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder fronte á explotación de clase e firme na defensa dos intereses da clase traballadora galega”, explica o secretario xeral, Paulo Carril.

Os datos

A CIG é primeira forza tamén nas comarcas da Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra e Vigo, e segunda en Lugo, empatada con CCOO, e Ourense. En canto ás federacións, a central sindical tamén se situou como primeira forza en Construción, FGAMT, Industria, Saúde, Servizos e no Ensino Público.

A segunda forza segue sendo a UGT, con 4248 delegados e delegadas e un 25,71%, quedando a 883 da CIG e 5,34 puntos por baixo da CIG. CCOO queda como terceira forza, con 4142 delegados e delegadas e un 25,07% en porcentaxe, quedando a 989 delegados e delegadas e 5,98 puntos por baixo da CIG.

Alén de ser primeira forza en todas as comarcas, agás Lugo e Ourense, a CIG tamén o é en boa parte das Unións Locais, aquelas que se organizan en torno ás vilas. É o caso das Unións Locais de Carballo e Cee, nesta última superando o 43%, ou a Unión Local das Pontes, cun 47,83%, a Unión Local da Mariña, a Unión Local de Verín, tamén con máis do 45% de representatividade para a CIG, as Unións Locais da Estrada e O Salnés, ou nas tres Unións Locais da área de influencia de Vigo: O Baixo Miño, O Morrazo, e O Porriño. No Baixo Miño, ademais, cun amplísimo 61.62% de representatividade.

Condición legal de "máis representativa"

Con estes resultados a CIG revalida e reforza a condición de primeira forza sindical e a condición legal de máis representativa de acordo á Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS) que o sindicalismo nacionalista ten desde o ano 1982.

Isto desprega efectos tamén no Estado español e por tal condición participamos como membros de pleno dereito na delegación española da Organización Internacional do Traballo (OIT) e dos organismos tripartitos creados no seo da Administración Xeral do Estado e dos seus organismo autónomos.

Somos unha organización sindical que temos, por imperativo legal -mesmo constitucional-, dereito á participación institucional en igualdade de condicións ao resto das organizacións sindicais máis representativas, que no caso do Estado español son só CIG, o sindicato vasco ELA, CCOO e UGT.

Porén este Goberno español, e de forma especial os Ministerios de Traballo e Seguridade Social, destacan por ser constantes e permanentes na falta de respecto á nosa representación e aos nosos dereitos de participación institucional.

Por iso, é preciso seguir acumulando forzas, máis poder sindical, porque “onde hai sindicato, onde está a CIG, hai melloras reais nas nosas condicións laborais e de vida”. Un poder sindical “imprescindíbel para combater o roubo e saqueo á clase traballadora e ao pobo galego”, mais tamén para rematar “coa precariedade, co abuso na contratación a tempo parcial e fixa descontinua en todos os sectores, públicos e privados”.