A CIG-Industria alerta das condicións laborais de alto risco que se están a dar no sector naval vigués

Non se garante a distancia de seguridade e até 60 traballadores comparten espazos de 12 metros cadrados para cambiarse

Vigo -

A federación de Industria da CIG alerta das condicións laborais de alto risco que se están a dar no sector naval da Ría de Vigo, onde os operarios/as desenvolven o seu traballo sen poder gardar a distancia mínima de seguridade establecida para evitar contaxios durante a crise sanitaria provocada polo novo coronavirus.

Dende a central denuncian que nin as direccións dos estaleiros nin das empresas auxiliares están a adoptar medidas de protección e os traballos continúan a realizarse “practicamente nas mesmas condicións nas que se viñan facendo antes de decretarse a emerxencia sanitaria”. 

Os traballos continúan a desenvolverse nas mesmas condicións existentes antes da emerxencia sanitaria

Deste xeito, os traballadores/as vense obrigados/as a desenvolver o seu labor en espazos reducidos a bordo dos buques, nos que é imposíbel gardar a distancia mínima de seguridade. Ademais, nas entradas e saídas das quendas “até 60 persoas comparten habitáculos de 12 metros cadrados para cambiarse”.

Diante disto, apelan á responsabilidade dos comités de empresa e dos delegados/as de persoal para que insten as direccións dos estaleiros e das compañías auxiliares a avaliar a situación e a adoptar medidas urxentes para evitar contaxios do covid-19. “Non hai que esquecer de que ademais de poñer en perigo a saúde dos propios/as traballadores/as tamén se poñen en risco as súas familias”.

Finalmente, esixen que no caso de que non se cumpran as medidas mínimas de seguridade que garantan a saúde dos cadros de persoal trasladaranlle á autoridade sanitaria o que está a acontecer, sen descartar mesmo a paralización temporal da actividade.

Volver