A CIG-Industria alerta sobre a posíbel desaparición doutro estaleiro na Ría de Vigo
A CIG-Industria está a seguir con preocupación o proceso aberto pola Autoridade Portuaria de Vigo para deixar sen efecto a concesión de Astilleros San Enrique dos terreos que ocupaba a antiga Vulcano en Teis, o que suporía a desaparición dunha nova empresa no sector naval. Dende a central sindical reclámalle ás distintas Administracións públicas que adopten as medidas urxentes necesarias para potenciar a industria naval e evitar que a perda doutra compañía poida lastrar ano futuro a viabilidade do sector.
O Porto de Vigo anunciou días atrás a súa intención de levar ao consello de administración deste venres a caducidade da concesión adxudicada en 2022 por un período de 15 anos alegando que non se cumpriron as condicións que a motivaron. “Sexa como for, non se pode permitir a desaparición dunha instalación dedicada á construción e reparación naval nun momento no que o sector ten unha importante carga de traballo”, sinalan dende a CIG-Industria.
Non se pode permitir a perda dunha instalación dedicada á construción e reparación naval nun momento no que o sector ten unha importante carga de traballo
Xa que isto comprometería o desenvolvemento futuro do sector e frustraría a posibilidade de que poida recuperar os niveis de emprego que se mantiñan até o ano 2010. “Polo que é necesario que as distintas Administracións públicas potencien o desenvolvemento dunha industria que chegou a ter máis de 10.000 persoas traballadoras directas na Ría de Vigo; aínda que semella que a tendencia é a contraria, xa que recentemente un importante estaleiro precisaba incorporar novas instalacións na zona para sacar adiante a elevada carga de traballo e non contou co apoio público necesario ”.
En canto ao posíbel uso dos terreos de Astilleros San Enrique para ampliar a terminal de carga do Porto de Vigo, o responsábel sindical considera que a solución pasa por unha racionalización dos actuais espazos portuarios e por rematar coa infrautilización da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN). “Porque -tal e como lembran- un estaleiro “é inviábel lonxe do mar, ao contrario que este tipo de plataformas, ás que precisamente se lles coñece como portos secos”.