A CIG amplía a maioría absoluta no comité de Senior, contrata de loxística de GKN en Vigo

A central pasa de 3 a 4 delegados, CCOO conserva 1 e UGT queda sen representante
Vigo - 15 Nov 2022

A federación de Industria da CIG de Vigo logrou ampliar a súa maioría absoluta no comité de empresa de Senior Servicios Integrales, contrata de loxística da compañía de automoción GKN. A central pasou de 3 a 4 delegados nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar, mentres que CCOO conservou o que tiña e a UGT quedou sen representación.

No proceso celebrado recentemente, no que participaron 70 dos 77 traballadores/as, a candidatura da CIG sumou un total de 50 votos (71%) e a de CCOO 18 (26%), rexistrándose tamén dous votos en branco. As votacións celebráronse nun único colexio, no de especialistas, xa que todo o persoal da empresa son carretilleiros. Nas anteriores eleccións, que tiveron lugar hai catro anos, a central lograra 3 delegados, CCOO 1 e UGT 1. 

A central sumou 50 dos 77 votos emitidos

Dende a CIG agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal de Senior na súa candidatura e adiantan a súa determinación a seguir loitando na defensa dos dereitos laborais e sociais do conxunto dos traballadores/as.