A CIG-Industria apoia a loita das auxiliares afectadas polos impagos de estaleiros de Vigo e Pontevedra

O colectivo convoca unha manifestación este sábado 30 dende o Concello de Moaña ás 19:00 horas

Vigo -

A federación de Industria da CIG de Vigo vén de amosar publicamente o seu apoia á loita das pequenas empresas auxiliares do sector naval afectadas polos impagos dos principais estaleiros das rías de Vigo e Pontevedra, que se viron obrigadas a pechar a causa das débedas e das quitas de até un 80% e ás que agora Facenda e a Seguridade Social lles reclaman distintas cantidades.

Na central entenden que non o lóxico que dende a Administración se lles reclame cartos a unhas empresas auxiliares que quebraron polos impagos derivados dunha mala xestión dos estaleiros para os que traballaban, como Barreras, Vulcano e Factoría Naval de Marín. Estas empresas foron penalizadas nos procesos concursais con quitas de até o 80% e agora vense obrigadas a cotizar por unhas cantidades que nunca facturaron. 

Estas pequenas empresas teñen que cotizar por cantidades que nunca facturaron

Dende a CIG denuncian que o futuro do sector naval non pode estar baseado en quitas á industria auxiliar que se reproducen de xeito cíclico, porque isto supón que teñen que asumir as consecuencias da mala xestión dos estaleiros. “Esta situación ameaza a supervivencia da industria auxiliar, impedindo o desenvolvemento destas empresas, a súa profesionalización e o aumento dos cadros de persoal”.

Para a central, tanto o Goberno central e a Xunta teñen que buscarlle unha solución urxente e definitiva ao sector que pasaría por tomar o control público daquelas empresas estratéxicas “que coa súa liquidación ou reflotamento a base de quitas salvaxes poidan provocar a desaparición dun sector fundamental para a economía galega”.

Volver