A CIG-Industria aposta polo conflito ante as propostas insuficientes da patronal do metal da provincia de Pontevedra
A novena xuntanza da mesa negociadora do convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra celebrada este mércores 15 serviu para evidenciar que a patronal insiste nun posicionamento que fai imposíbel o acordo, con propostas insuficientes que non permiten dignificar as condicións laborais do sector. Diante disto, a CIG-Industria aposta polo conflito, cunha primeira concentración de persoas delegadas diante de sede da organización empresarial en Vigo o vindeiro martes 21 ás 11:00 horas.
Entre as pretensións da patronal figura un convenio a catro anos, cun 13% de suba salarial total e unha revisión a IPC topada como máximo nun 2%; unha redución de xornada de oito horas para o ano 2028; aumentar as vacacións a 24 días, mais este día a maiores non sería por redución de xornada, senón a conta dos axustes da xornada anual; ou diferenciar o oficial de 1ª e oficial de 2ª con oito euros mes ao partir do 2027, sen pasar ao grupo 4.
Non podemos aceptar que se tope a revisión a IPC, xa que correriamos o risco de non garantir nin tan sequera o poder adquisitivo
Tamén o pago do plus de tóxicos unicamente nun suposto, na construción naval e reparación nos estaleiros, varadoiros e peiraos de reparación; no que ten que ver co estrés térmico, ofertan engadir ao convenio un texto novo, mais sen ningunha medida concreta, quedando a decisión das empresas se se toman medidas correctoras ou non; e a creación dunha comisión para facer un estudo dos coeficientes redutores, negándose a maiores a garantir as xubilacións parciais para as persoas traballadoras que o soliciten.
Ademais disto, oponse a introducir no convenio a subrogación; a xornada continua nos meses de verán nin sequera no naval; a impedir a subcontratación en máis dun nivel; a regular os contratos fixos descontinuos; e ao abono nos desprazamentos a países perigosos (soamente aos que están en guerra).
Para a CIG-Industria, todas estas cuestións impiden a posibilidade de chegar a un acordo, sobre todo tendo en conta o contexto internacional, “polo que non podemos aceptar que se marquen topes na revisión a IPC, xa que correriamos o risco de non garantir nin tan sequera o poder adquisitivo, co perigo que significa nun convenio colectivo de tan longa duración”.
Por todo isto, e ante este inmobilismo por parte do empresariado, a central convoca unha concentración o vindeiro martes día 21 diante da sede de ATRA en Vigo (rúa do Príncipe, 22, ás 11 horas), sen descartar mobilizacións máis contundentes e mesmo a folga no caso de que a patronal non mude de posición e acepte algunhas das principais propostas da parte social.