A CIG-Industria clama contra a represión sindical na empresa Rubi de Ribadavia

Desenvolveu unha concentración e posterior manifestación o martes para rexeitar o despido de dúas traballadoras en pleno proceso de eleccións na empresa
Ribadavia - 15 Mai 2026

A CIG-Industria de Ourense mobilizouse este martes 12 de maio contra a represión sindical na empresa Rubi Automotive de Ribadavia, despois de que a dirección executase dous despedimentos en pleno proceso de eleccións na empresa do sector da automoción con sede no polígono de San Cristovo.

A xornada de mobilización incluíu unha concentración diante das instalacións da compañía ás 11:00 horas e unha manifestación posterior que arrincou dende o IES do Ribeiro ás 12:00 horas e rematou diante do Concello.

Dende a central sindical denuncian que as recentes rescisións de contrato a dúas traballadoras son consecuencia da política represiva que está a aplicar a empresa, tendo en conta que se produciron lugar durante o proceso de eleccións sindicais. “A dirección sabe que a CIG estivo na primeira liña da loita no convenio do siderometal de Ourense, defendendo salarios dignos, dereitos e respecto para o persoal. E por iso responden coa súa receita habitual: presión, medo e represión sindical; persecución a quen se organiza, castigos encubertos e medidas disciplinarias con escusas falsas para intentar frear a forza da clase obreira”.

Ao tempo que advirten que nunha compañía con centos de persoas traballadoras, entre persoal propio e de ETT, “queren impoñer un sistema de produción baseado no control constante, na presión polos tempos, na penalización das necesidades básicas e na criminalización das enfermidades, afondando na precariedade e na explotación laboral”.

En consecuencia, a central sindical xa desenvolveu con anterioridade unha concentración coincidindo coa celebración da Feira do Viño de Ribadavia o pasado sábado 2 de maio para denunciar a situación e esixir a readmisión das dúas traballadoras “inxustamente” despedidas.