A CIG-Industria mobilizarase en Vigo este xoves contra a precariedade na automoción e en defensa do sector

Convoca unha manifestación dende o polígono do Caramuxo ás 13:00h

Vigo -

A federación de Industria da CIG convoca unha manifestación este xoves 25 de abril en Vigo contra a precariedade na automoción e en defensa do sector, que arrincará do polígono do Caramuxo ás 13:00 horas e rematará diante de Citroën. A mobilización fai parte da campaña que a central está a desenvolver en resposta á crecente precarización dunha industria estratéxica para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense.

A CIG-Industria presentou recentemente un documento no que recolle as súas propostas para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar e que foi elaborado a raíz do debate aberto cos delegados/as e traballadores/as do sector para analizar os retos que ameazan o futuro dunha industria que emprega a milleiros de persoas en Galiza.

Entre estes retos atópase a desaparición dos motores diésel, “algo terribelmente negativo para o noso país, xa que a principal factoría asentada no noso territorio produce vehículos para profesionais e de baixo custe, sectores que mercan fundamentalmente automóbiles diésel”. Polo tanto, consideran fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países. “É necesario que a Xunta faga pública as subvencións a este proxecto e que cantidade delas quedan aquí ou se invisten en Portugal, país que si está a apostar estratexicamente polo coche autónomo”.

Dende a central apostan pola fabricación de vehículos de alto valor engadido e non de produtos de baixo custe, “xa que isto obriga as empresas a competir entre elas para ver quen fabrica máis barato, precarizando as condicións laborais, para poder así posicionarse no mercado”.

Cara a unha industria "forte e consolidada"

Entre as medidas que permitirían camiñar cara a unha industria da automoción “forte e consolidada” salientan a elaboración unha estratexia galega de sector que permita afrontar os retos derivados da aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e adaptar a formación profesional pública á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

O documento tamén recolle unha serie de propostas sectoriais, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego; a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as do sector; e impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.

Volver