A CIG-Industria gaña as eleccións sindicais na empresa ourensá UNVI, do grupo Pérez Rumbao

A central fíxose con 4 dos 9 representantes que se escollían na compañía dedicada á fabricación de autobuses
Ourense - 23 Mai 2024

A federación de Industria da CIG de Ourense convértese na forza maioritaria no comité de empresa de UNVI, compañía do grupo Pérez Rumbao dedicada á fabricación de autobuses, tras sumar 4 dos 9 representantes do comité que se escollían nas eleccións sindicais celebradas hoxe.

No proceso, no que participaron 126 persoas, a CIG-Industria obtivo un total de 47 votos, que se traducen en 4 delegados/as; a continuación situouse a CUT con 36 (3 delegados/as CUT; e por último a UGT, con 16 votos (2 delegados). A central nacionalista, que nas anteriores eleccións non fora quen de presentar candidatura, quedou nesta ocasión a un só voto de lograr un quinto representante. Até o de agora o comité de empresa de UNVI estaba integrado por 5 delegados/as da UGT e por 4 da CUT. 

A central quedou a un só voto de lograr un quinto representante

Dende a federación agradecen a confianza e o apoio recibido por parte dos traballadores/as da empresa ao proxecto combativo, asembleario e de contrapoder que representa a CIG, sobre todo tendo en conta a belixerancia amosada polo grupo Pérez Rumbao coa central sindical. E adiantan a disposición da súa representación na compañía a defender os dereitos do cadro de persoal e a loitar pola mellora das condicións de traballo do conxunto dos empregados/as de UNVI.