A CIG-Industria de Ourense mobilízase no SMAC contra a represión sindical e laboral

Os actos de conciliación polo despido dunha traballadora de ATAVE e pola sanción ao presidente do comité de GRI Towers remataron sen acordo
Ourense - 26 Ago 2026

A CIG-Industria de Ourense mobilizouse hoxe diante do SMAC coincidindo cos actos de conciliación previos aos xuízos polo despido dunha traballadora da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (ATAVE) e pola sanción ao presidente do comité de empresa da compañía GRI Towers do Carballiño.

Nos dous casos os actos de conciliación remataron sen acordo, fixándose xa as datas para a celebración dos xuízos nos que a central sindical reclamará a nulidade da rescisión de contrato e a retirada da sanción ao entender que o despido é ilegal e a sanción inxustificada.

No que ten que ver coa traballadora de ATAVE, a CIG-Industria denuncia que a empresa comunicoulle a rescisión de contrato por correo cando levaba un mes de baixa médica e tras 38 anos de servizo na compañía. A central sindical considera que “non é casualidade” que ATAVE -asociación patronal que fai parte da mesa de negociación do convenio provincial do metal- teña manifestado publicamente durante a negociación do convenio que considera as baixas laborais “absentismo”. Polo que a CIG reclama a nulidade da decisión e a inmediata reincorporación da traballadora afectada.

A sanción de suspensión de dous de emprego e soldo ao presidente do comité de GRI Towers produciuse hai arredor dun mes a raíz dun incidente de seguridade na empresa, mais para a central ten que ver realmente coa súa labor como representante sindical da CIG. De feito, lembran que as eleccións sindicais están próximas a celebrarse e que a propia compañía está a potenciar a presentación dunha candidatura alternativa á da central nacionalista.

Ao mesmo tempo, inciden en que os problemas de seguridade en GRI Towers levan tempo poñéndose enriba da mesa, así como a necesidade de incrementar a prevención, os traballos de mantemento e a dotación de medios axeitados.