A CIG-Industria de Ourense revalida a maioría absoluta nas eleccións sindicais da empresa Incalplas

A central obtivo tres dos cinco delegados/as do comité e quedou a só tres votos de obter o cuarto

Ourense -

A federación de Industria da CIG de Ourense vén de revalidar a maioría absoluta nas eleccións sindicais da empresa Incalplas, con sede no polígono industrial de Chorente, no concello de Allariz, ao obter tres dos cinco delegados/as. A central quedou a só tres votos de lograr o cuarto representante no comité desta compañía dedicada á fabricación de elementos plásticos que traballa fundamentalmente para o sector da automoción.

No proceso celebrado no día de onte votaron un total de 68 traballadores/as dun censo de 73, dos que 44 apoiaron a candidatura da CIG e 22 optaron pola da UGT. Dende a central salientan a importancia destes resultados, “sobre todo tendo en conta que o responsábel de recursos humanos se posicionou claramente coa UGT, chegando incluso a votar por este sindicato”.

Diante disto, agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal nos representantes da CIG e sosteñen que seguirán a traballar na defensa dos dereitos laborais do conxunto dos empregados/as de Incalplas.

Volver