A CIG-Industria clama contra a precariedade que está detrás dos accidentes mortais na automoción

Delegados/as da central mobilizáronse diante da Inspección de Traballo e da empresa na que faleceu unha traballadora
Vigo/Porriño - 18 Xun 2020

A CIG-Industria de Vigo desenvolveu hoxe dúas concentracións para denunciar que “a precariedade laboral mata” e en lembranza da traballadora da automoción que faleceu o pasado venres 12 en accidente laboral nas instalacións da empresa Componentes de Vehículos de Galicia.

A primeira das protestas tivo lugar diante da Inspección de Traballo en Vigo de 10:00 a 10:30 horas, mentres que a segunda celebrouse ás portas de Componentes no polígono porriñés das Gándaras de 13:30 a 14:00 horas).

Nos dous casos despregouse unha faixa na que se podía ler “A precariedade laboral mata”, xa que o obxectivo das mobilizacións é denunciar que a crecente precariedade que afecta o sector está a provocar o incremento dos accidentes laborais graves, mesmo con resultado de morte.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, que se dirixou aos presentes ao remate dos actos, salientou que “hoxe estamos aquí en lembranza dunha das nosas, dunha traballadora que perdeu a vida nun accidente laboral nun sector no que a inseguridade non deixe de medrar como consecuencia do incremento da precariedade e dos ritmos de traballo”. Tamén explicou que a central seguirá o caso na Inspección de Traballo para que se investigue o sucedido e se depuren responsabilidades.

No comunicado que fixo público a CIG-Industria tras a morte da operaria de Componentes incidíase no feito que o accidente mortal aconteceu a mesma semana na que os cadros de persoal das empresas do naval realizaban un paro polo falecemento no seu posto de traballo doutro compañeiro.

Ao mesmo tempo, denunciábase que “o número de mortes e accidentes laborais graves que sufrimos nos nosos postos de traballo non paran de medrar, rexistrando números inadmisibles que supoñen unha vergoña e deixan ben ás claras o nulo interese da Administración por acabar con esta pandemia dos accidentes laborais”.

Maior índice de sinistralidade

Neste senso, facíase fincapé en que Galiza é a comunidade con maior índice de sinistralidade e mortaldade do Estado, e isto sucede nunha comunidade autónoma onde as competencias de saúde e prevención laboral están transferidas. “Mais á Xunta de Feijóo impórtalle tan pouco o que nos suceda á clase traballadora que nin tan sequera existe unha Consellería de Traballo no seu goberno”.

Tamén se sinalaba que no sector da automoción os ritmos de traballo non paran de incrementarse, aumentando as lesións nos postos de traballo e as enfermidades laborais que na maioría dos casos non están recoñecidas pola empresa “coa inestimable axuda” da Administración.

Finalmente, poñíase o acento sobre as reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP nos anos 2010 e 2012, que provocaron un aumento do número de traballadores/as precarios/as, tamén no sector do automóbil.

“Cun crecemento dos compañeiros de ETT nos cadros de persoal das empresas principais, pero tamén co aumento de servizos externalizados con diferentes formas de explotación laboral como as empresas multiservizos, falsos/as autónomos/as ou Centros Especiais de Emprego, que se caracterizan por salarios de miseria, xornadas desreguladas, horas extras non retribuídas e falta total de dereitos laborais”.