A CIG-Industria de Vigo reclama protocolos covid no naval ante a proliferación de contaxios no sector

Pediu reunións coas direccións dos estaleiros para coñecer a situación real e abordar medidas de protección
Vigo - 03 Dec 2021

A federación de Industria da CIG de Vigo reclama a implantación de protocolos covid no naval ante os numerosos contaxios rexistrados nos últimos días no sector. A central sindical solicitou xuntanzas coas direccións dos distintos para coñecer a situación real e abordar a aplicación de medidas de protección que garantan a seguridade dos cadros de persoal.

Dende a CIG-Industria amosan a súa preocupación pola proliferación de positivos por covid que se está a rexistrar na industria naval viguesa nos últimos días, polo que solicitaron xuntanzas cos estaleiros para avaliar a gravidade da situación sanitaria e abordar unha estratexia que permita a contención dos contaxios. 

A central propón a entrada progresiva do persoal, maior desinfección e máis ventilación e dotación de EPI

En concreto, demandan a posta en marcha de medidas que garantan que as entradas e saídas dos empregados/as se fai de xeito progresivo nas distintas quendas de traballo; a activación de protocolos de desinfección das construcións e dos locais; o incremento das ventilacións dos distintos espazos; a dotación de EPI, etc.

Responsábeis da federación mantiveron xa unha reunión coa dirección do estaleiro Paulino Freire este xoves na que solicitaron datos reais do alcance do gromo detectado entre os traballadores/as, ao tempo que se interesaron polas medidas preventivas que se ían aplicar e trasladaron as propostas da central sindical.

Comités de saúde laboral

Con anterioridade a esa xuntanza reunírase o comité de seguridade e saúde laboral do estaleiro para avaliar a situación e consensuar as medidas necesarias para garantir a seguridade dos operarios/as, encontro no que tamén participou a representación da CIG.

Como consecuencia do gromo, a estaleiro permanecerá pechado entre do 3 ao 8 de decembro, iniciándose os procesos descontaminación e aumentando a ventilación dos distintos espazos, “así como procedéndose a un novo cribado do persoal contratado que permita a volta os traballos o xoves 9 de decembro co persoal controlado por unha PCR”.

Ante o medre xeneralizado dos contaxios, na CIG-Industria consideran prioritario identificar os casos reais rexistrados nos distintos estaleiros para levar a cabo unha actuación preventiva “rápida e eficaz” que evite unha emerxencia sanitaria e a posíbel paralización dos traballos.

Finalmente, instan os comités de seguridade e saúde a estar vixilantes e a solicitar información dos distintos casos para reclamar a implantación de medidas preventivas.