A CIG faise con 7 dos 9 representantes do comité das ITV da provincia de Pontevedra

A central sindical sumou un total de 114 votos, fronte aos 31 de CCOO
Pontevedra - 19 Dec 2022

A federación de Industria da CIG fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar en SYCITV-Applus+ ao lograr 7 dos 9 representantes do comité de empresa na provincia de Pontevedra. Dáse a circunstancia de que era a primeira vez dende o ano 2010 que a central sindical presenta candidatura na compañía concesionaria da xestións das ITV galegas.

A CIG-Industria sumou un total de 114 votos, fronte aos 31 colleitados por CCOO, que conseguiu unicamente 2 representantes A central sindical logrou 93 apoios entre o persoal das naves (6 delegados/as) e 21 entre o persoal de oficinas (1 delegado/a). Mentres que CCOO contabilizou 17 votos nas naves (1 delegado/a) e 14 en oficinas (1 delegado/a). Até o de agora o comité de empresa estaba conformado por 7 representantes da UGT e 2 de CCOO. 

A central levaba dende 2010 sen presentar candidatura ao proceso 

Dáse a circunstancia de que é a primeira vez dende 2010 que a CIG presenta candidatura ao proceso para escoller a representación sindical dos 183 traballadores/as das ITV pontevedresas. Con anterioridade ostentara xa a presidencia do comité, logrando en 2007 co apoio do cadro de persoal, entre cousas, que non se traballase os sábados pola tarde e que os salarios subisen sempre o IPC + 0,5% como mínimo.

Tras este acordo a dirección despediu en represalia ao presidente do comité, tras o que a CIG puxo en marcha un calendario de mobilizacións diante das ITV para reclamar a súa readmisión, protestas que tiveron desigual seguimento dependendo da estación. Esta falta de apoio e de solidariedade por parte do cadro de persoal levou os afiliados/as da CIG a non presentarse ás seguintes eleccións sindicais.

Empeoramento das condicións laborais

Mais neste tempo as condicións de traballo dos empregados/as non fixeron máis que empeorar, e a maiores a compañía que adquiriu SYCITV, Applus+, xa obriga o persoal doutras provincias a traballar durante as fins de semana. “Todo apunta a que será o próximo que pidan na mesa de negociación do convenio, e dubidamos de que os sindicatos que ostentaban a representación até o de agora conseguisen frear as súas intencións; por iso decidimos volver a presentarnos ás eleccións, e poder amosarlle á dirección a unidade de todos os traballadores/as da empresa en Pontevedra”.

Finalmente, dende a central sindical agradecen o apoio e a confianza amosada polo cadro de persoal e adiantan a súa absoluta disposición a loitar de xeito incansábel na defensa das condicións laborais de todos/as os traballadores/as de SYCITV-Applus+.