A CIG-Industria faise cos tres delegados de persoal que se escollían na compañía viguesa Soling Instalaciones
A federación de Industria de Vigo fíxose cos tres delegados de persoal que se escollían na compañía Soling Instalaciones (antiga Isolux) nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar nesta auxiliar do sector naval.
Deste xeito a central sindical queda como única organización con representación na empresa, xa que non anterior proceso a CUT lograra un delegado, que nesta ocasión se presentou baixo as siglas de CCOO. Mais os 19 votos obtidos non foron suficientes para que resultase elixido. Os outros dous candidatos do sindicato estatal sumaron só 10 apoios cada un. Mentres que os representantes da CIG obtiveron 25, 25 e 21 votos.
Dende a representación da CIG en Soling Instalaciones agradecen o masivo apoio colleitado entre os traballadores/as e adiantan que continuarán a defender os dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal.
Soling Instalaciones (antiga Isolux) é unha empresa auxiliar do sector naval con sede en Vigo que conta cun cadro de persoal integrado por arredor de 50 persoas e que desenvolve traballos para os principais estaleiros, tanto en Galiza como no resto do Estado.