A CIG-Industria insta a retomar as negociacións do convenio provincial do metal de Pontevedra

Empraza as partes a establecer un calendario de xuntanzas

Pontevedra -

A Federación de Industria da CIG vén de dirixirse por escrito ás distintas partes que integran a mesa negociadora do convenio provincial do metal de Pontevedra para empresas sen convenio propio co obxectivo de retomar as xuntanzas. A central insta a establecer un calendario de reunións para pactar un acordo que regule as condicións laborais cuxa vixencia rematou en 2019.

Na CIG-Industria consideran que logo da suspensión das reunións negociadoras do convenio provincial do metal pontevedrés en marzo de 2020 a consecuencia da pandemia provocada pola covid 19, e ante a volta á actividade laboral dos traballadores e traballadoras do sector, faise imprescindible retomar as xuntanzas coa finalidade de establecer as condicións laborais para o persoal vinculado a este convenio colectivo. 

A vixencia do actual texto rematou en 2019

En consecuencia, emprazan a todas as partes(patronal e resto de sindicatos presentes na mesa) a establecer un calendario de reunións para continuar a desenvolver as negociacións co fin de conseguir un acordo que regule as condicións de traballo do sector, tendo en conta que o actual convenio caducou en 2019.

Principais propostas da CIG para o convenio

As principais propostas da CIG para o novo convenio pasan por recuperar a perda de poder adquisitivo dos últimos convenios, até o punto que o persoal pontevedrés cobra 1150 euros anuais menos que o da Coruña. Por iso a central aposta por pactar incrementos lineais para todos os traballadores/as de 600 euros como mínimo. Tamén aposta por recuperar a cláusula de revisión salarial efectiva para cobrar os atrasos das diferenzas entre os IPC.

Unha cuestión importante é a subrogación entre empresas: un traballador/a de mantemento nunha empresa publica ou privada ten que ter dereito a ser contratado nas mesmas condicións pola empresa entrante ao remate da concesión se o traballo continúa.

É necesario aclarar en que condicións os empregados/as teñen dereito a cobrar os pluses de tóxico, penoso ou perigoso, así como fixar dietas por desprazamentos que cubran as necesidades básicas.

A CIG reclama tamén a redución da xornada anual a 1752 horas, xa que nestes momentos o persoal do sector en Pontevedra ten unha das xornadas máis altas de Galiza. Tamén considera necesario mellorar os complementos salariais nas baixas por enfermidade común e adaptar e mellorar as licenzas e permisos do convenio.

Ao mesmo tempo, entende que é o momento de combater as estratexias das patronais que queren seguir aproveitándose das reformas laborais para precarizar o convenio e as condicións laborais que tantos anos custaron conseguir, “cousa que xa lograron en parte nestes últimos convenios co beneplácito dos sindicatos estatais”.

Por iso intentará contrarrestar o convenio estatal que asinaron CCOO e UGT en Madrid, que centraliza a negociación colectiva afastándoa dos traballadores/as afectados/as, decidindo exclusivamente as cúpulas dos sindicatos estatais.

“Para isto necesitamos negociar un convenio marco galego de sector, porque o noso tecido produtivo e a tipoloxía de empresas que temos nada teñen que ver coas do resto do estado”. Con este obxectivo está a preparar unha plataforma de convenio que contempla as melloras de cada convenio provincial para ir unificando textos cara a ese convenio galego.

Finalmente, apostan por comprometer a todas as partes negociadoras a non asinar convenios de empresa por debaixo do convenio provincial, “cousa que está a acontecer e que fai competencia desleal entre empresas e precariza as condicións laborais e salariais da clase traballadora”.

Volver