A CIG-Industria logra os tres delegados de persoal na empresa Rodicut de Mos

Os candidatos da central sumaron 87 votos, por 26 de CCOO e 17 da CUT

Mos -

A federación de Industria da CIG de Vigo logrou os tres delegados de persoal nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa Rodicut Industry de Mos. Os candidatos da central nacionalista sumaron un total de 87 votos, fronte aos 26 de CCOO e os 17 da CUT.

Co resultado obtido no recente proceso electoral a CIG-Industria repite os resultados conseguidos nas anteriores eleccións, nas que tamén se fixera coa totalidade da representación da empresa situada na estrada de Puxeiros a Mos. 

O persoal pro-empresa (maioritariamente de oficinas) votou CCOO e CUT

Rodicut ten un cadro de persoal de 47 persoas e dedícase á fabricación de pezas de poliuretano. Nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar votaron un total de 46 traballadores/as, que optaron masivamente polos candidatos da CIG, avalando deste xeito o intenso traballo sindical desenvolvido nos últimos anos.

Dende a federación de Industria valoran moi positivamente o resultado e agradecen o apoio amosado pola práctica totalidade dos empregados/as de Rodicut, a pesar de que a compañía promoveu a candidatura de CCOO, como en ocasións anteriores.

Nesta ocasión o resultado ten aínda máis mérito, xa que concorría un candidato máis, o da CUT, que xa fora membro do comité de empresa por CCOO no pasado. Por iso o persoal pro-empresa (maioritariamente de oficinas) votou os candidatos de CCOO e da CUT para evitar que a CIG obtivese representación.

Volver