A CIG-Industria marchará polas rúas de Pontevedra en defensa do emprego na automoción

Antes da protesta terá lugar unha asemblea de delegados/as para analizar a situación do sector
Pontevedra - 14 Xan 2022

A federación de Industria da CIG desenvolverá unha mobilización en Pontevedra este martes 18 de xaneiro ás 11:30 horas en defensa do emprego na automoción. Previamente terá lugar unha asemblea nacional de delegados/as para analizar a situación actual do sector e abordar os principais retos de futuro que está a enfrontar a industria galega do automóbil.

O encontro de representantes sindicais terá lugar no salón de actos do local sindical, na rúa Pasantería, a partir das 10:00 horas. A continuación celebrarase unha marcha dende a praza da Ferrería até a Subdelegación do Goberno español para reclamar medidas que impiden que sexa a clase traballadora a que unha vez máis pague a crise derivada da dixitalización dos procesos produtivos, da descarbonización da economía e do proceso de transición enerxética. 

A marcha arrincará este martes 18 dende a praza da Ferrería ás 11:30 horas e rematará na Subdelegación do Goberno español

A esta situación hai que sumarlle a problemática que está a provocar a falta de semiconductores, a deslocalización de empresas ou a subcontratación a compañías multiservizos, centros especiais de emprego e ETT “con salarios de miseria, xornadas desreguladas que impiden conciliar a vida laboral e familiar e abuso de horas extras e da contratación eventual”.

Dende a central sindical denuncian que a aplicación das reformas laborais de PP e do PSOE nos ERTE fan deste sector estratéxico da nosa economía “un polvorín” pola falta de compromiso dos Gobernos galego e do Estado. “Todos os indicios fan presaxiar un futuro moi incerto para as empresas e o emprego; esta crise técnica ten que ver coa chegada das novas tecnoloxías e do cambio de papel do automóbil dentro das cidades e a súa incidencia no medio ambiente”.

Principais propostas para o sector

Por iso a CIG-Industria leva varios anos achegando propostas para afrontar o futuro do sector da automoción sen que sexan sempre os cadros de persoal das empresas os que paguen a crise:

-Apostar polos coches híbridos, hibrido a gas e eléctricos, o coche autónomo, a planta de baterías e a fabricación dos novos compoñentes para coches eléctricos preto da planta principal.

-Unha política enerxética de pais para o sector da automoción, a creación dunha tarifa industrial e un convenio de enerxía sectorial o por polígonos vinculado a mellora das instalacións cunha repercusión directa, precisamos o impulso das tecnoloxías de almacenamento de enerxía.

-Definir solo industrial para futuras instalacións ante os novos coches eléctricos, regularizar as actividades das empresas auxiliares para adaptalas os novos modelos e entre elas para evitar competencias desleais, prioridade na creación de patentes e revisión das actuais.

-Vixilancia e control de todos os proxectos relacionados co sector e avaliación dos seus resultados e onde se desenvolven a posteriori e fiscalizar todas as axudas e subvencións.

-Formación cara ao novo sistema de fabricación, actualización de profesións e novas titulacións profesionais.

-Fomento da contratación indefinida e a tempo completo e un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal.

-Coeficientes redutores para o sector, plan de enfermidades profesionais, plan de ergonomía nos traballos repetitivos, ritmos de traballo e plan de riscos psicosociais. Todo isto a tratar nunha Mesa Galega da Automoción (MGA) integrada polo cluster empresarial CEAGA, as tres universidades galegas e as centrais sindicais.

Cuestións a garantir en caso de ERTE

Ao mesmo tempo, a central sindical insta a garantir unha serie de cuestións á hora de enfrontar os ERTE en todo o sector:

-Mantemento do emprego.

-Afectacións rotatorias para todo o persoal.

-Avisos de parada como mínimo con 48 horas de antelación.

-Regular os días de non actividade, paradas seguidas e sempre achegados a fin de semana.

-Reestruturación das quendas.

-Control dos ritmos de traballo nos días de actividade.

-Compensación ou complemento por día de afectación ate o 100% do percibido.

-Parte das axudas recibidas polas empresas serán destinadas a paliar os efectos do ERTE.

-Bolsa de emprego para o retorno das persoas afectadas.

Finalmente, inciden en que a empresa principal e as auxiliares, todas elas pertencentes ao CEAGA, “non poden descansar nun problema alleo, senón que teñen que asumir que é un problema propio”.