A CIG-Industria mobilízase polo despido dunha empregada de Plastic Omnium en Redondela

Denuncian que a empresa prescinde agora da traballadora tras anos cun contrato ilegal en fraude de lei
Vigo - 20 Mar 2017

Delegados/as sindicais da federación de Industria da CIG mobilizáronse hoxe diante do Concello de Redondela para rexeitar o despedimento “totalmente inxusto” dunha traballadora da empresa Plastic Omnium. Dende a central denuncian que a afectada foi despedida despois de reclamar un contrato en igualde de condicións que o resto de compañeiros/as “tras anos cun contrato ilegal en fraude de lei”.

Con esta concentración ás portas do consistorio redondelán a CIG quere que o conflito polo despedimento de Catherine da Silva chegue ao conxunto da veciñanza e chega despois das protestas desenvolvidas a diario polo cadro de persoal de Plastic Omnium diante das instalacións da empresa.

Dende a federación de Industria fan un chamamento aos veciños/as de Redondela a apoiar a loita desta traballadora e a participar nas vindeiras mobilizacións que se convoquen para reclamar a súa readmisión. “Non podemos permitir que se bota á rúa a unha persoa por reclamar un contrato en igualdade de condicións que o resto de compañeiros/as da empresa”, sosteñen.

Reclama a nulidade do despido

A traballadora foi despedida tras reclamar un emprego en iguais condicións que os seus compañeiros

Neste senso, explican que o despedimento de Catherine da Silva produciuse xusto despois de que a traballadora tivese demandado un emprego digno “tras anos cun contrato ilegal en fraude de lei”. Despois disto a dirección pechou toda posibilidade de negociación e ofrece como única saída o seu despido, tras o que afectada decidiu denunciar para reclamar a nulidade.

Está previsto que o xuízo se celebre nos vindeiros días e na CIG confían en que a empregada sexa finalmente readmitida. “Sería a única forma de logralo, xa que a dirección pechouse en banda e só está disposta a indemnizala no caso de que o despido sexa declarado improcedente”.