A CIG-Industria mobilízase diante de Stellantis en Vigo para rexeitar os ERTE na automoción

A central sindical reclama fábricas de compoñentes a carón das empresas principais
Vigo - 08 Xun 2021

Traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG-Industria no sector da automoción viguesa e pontevedresa desenvolveron hoxe unha concentración diante de Stellantis (antiga PSA Citroën) en Vigo para rexeitar os ERTE no sector e reclamar a instalación de fábricas de compoñentes a carón das empresas principais.

A protesta desenvolveuse primeiro no interior das instalacións de Zona Franca, para trasladarse a continuación á entrada principal de Stellantis. Durante a mobilización, na que participaron máis dun cento de persoas, despregouse unha faixa na que se podía ler “ERTE na automoción, roubo e explotación” e coreáronse consignas como “Emprego digno na automoción”, “Non aos ERTE na automoción” ou “Stellantis, escoita, a CIG está en loita”.

Con esta concentración a CIG-Industria continúa coa súa campaña por unha automoción galega con futuro, na que está a combinar accións reivindicativas coa achega de propostas e con distintas iniciativas institucionais. O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e a responsábel da automoción, María Xosé García, lembraron precisamente a mobilización que tivo lugar o pasado 26 de maio diante da Xunta en Vigo para demandarlle ao Goberno galego que se implique na modernización do sector.

Os responsábeis sindicais explicaron que Stellantis reinicia este mércores á actividade despois de ter paralizado a produción pola falta de semiconductores (microchips), “crise que levou a ERTE a 20.000 persoas traballadoras do sector, atopándose no desemprego dun día para outro sen saber cando e como imos volver ao noso posto de traballo”.

Neste senso, incidiron en que aínda que se volvan a fabricar furgonetas “o problema persiste, non está solucionado, e a incerteza dos nosos postos de traballo segue igual”. Lamentaron que mentres os grandes fabricantes de microchips anuncian millonarios investimentos noutras partes do mundo, os Gobernos español e galego “seguen a mirar cara a outro lado, acordando uns a ampliacións dos ERTE sen garantías dentro das mesas de diálogo social e outros agardando a ver o que ordena 'papá' PSA”.

Inseguridade laboral

Denunciaron que a situación dentro das empresas é dunha inseguridade total. “A subcontratación dun gran número de empregos por traballadores/as eventuais, que realizan empresas multiservizos, centros especiais de emprego ou ETT, fai que estes/as compañeiros/as se atopen nunha situación dramática”.

Ademais, moitas destas persoas perderán parte das súas vacacións, da súas pagas extraordinarias, do seu salario mensual, “e algúns/as nin sequera regresarán ao posto de traballo”. Ao que hai que sumar o perigo de “peches e deslocalizacións” que corren as empresas ante a transformación do sector do automóbil. Por iso insistiron en que hai que afrontar o futuro da automoción “sen que sexan sempre os cadros de persoal os que paguen a crise”.

Por todo isto, adiantaron que a CIG seguirá a mobilizarse para reclamar que as fábricas de compoñentes se instalen ao lado da factoría principal, e ten que ser o Goberno galego o que debe activar un plan para a atracción destas empresas. Ademais consideran necesario complementar a produción coa aposta “firme e decidida” pola construción dunha planta de baterías “se queremos ter futuro no sector da automoción”.

Finalmente, entenden que é o momento de saír á rúa “para pedir a aplicación de políticas que defendan os nosos dereitos e futuro e traballo para Galiza”, para rexeitar a aplicación de ERTE “de forma indiscriminada e sen garantías”, e en contra desa reforma laboral “tan nociva” para a clase traballadora.

“Na CIG apostamos por un sector industrial como o da automoción, que para nós si é estratéxico e esencial para o país e para a nosa economía, e polo tanto para a creación de emprego digno e de calidade”.