A CIG-Industria mobilízase en Ourense contra a represión laboral e sindical no grupo Pérez Rumbao

Polo despido dun traballador tras reincorporarse dunha baixa e polo intento da dirección de incidir nas eleccións sindicais
Ourense - 15 Out 2019

A federación de Industria da CIG de Ourense mobilizouse hoxe para rexeitar a represión laboral e sindical no grupo Pérez Rumbao, tras o despido dun traballador de Bétula Cars que se reincorporou á empresa despois de superar unha grave enfermidade, e para denunciar que a dirección de Pérez Rumbao está a intentar incidir nas eleccións sindicais.

A protesta, na que participou o secretario nacional da federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, tivo lugar na gasolineira da rúa do Progreso, propiedade do grupo Pérez Rumbao, a partir das 11:00 horas, onde se despregou unha faixa e se berraron consignas.

Dende a central lembran que denuncian que a dirección do grupo Pérez Rumbao está a tratar de incidir no resultado das eleccións sindicais en empresas como Apersa ou Copersa para que os traballadores/as apoien as candidaturas da UGT ou de CCOO, ademais de despedir nos últimos dous anos a varios afiliados da CIG.