A CIG-Industria ocupa a sede da patronal ourensá para rexeitar a precarización do convenio do siderometal

O empresariado quere condicionar a actualización salarial á ampliación da xornada aos sábados
Ourense - 03 Mar 2022

Delegados/as sindicais da CIG-Industria ocuparon hoxe a sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) para rexeitar os intentos de precarizar o convenio colectivo provincial do sector do siderometal. Dende a central sindical denuncian que o empresariado, que adiou a próxima xuntanza da mesa negociadora, pretende condicionar a actualización salarial a ampliar a xornada de traballo aos sábados.

A mobilización celebrouse unha vez rematada a asemblea que tivo lugar no local sindical para abordar o estado das conversas coa patronal e consistiu nunha ocupación simbólica do edificio do empresariado na Praza das Damas. A pesar de que non se produciron incidentes, a Policía española procedeu a identificar aos responsábeis da protesta, que optaron por abandonar o inmoble e concentráronse no exterior ao berro de “Negociación e non imposición” e “Convenio digno para o metal”.

Dende a CIG-Industria de Ourense explican que coa protesta de hoxe protesta queren deixar moi claro que non van renunciar aos sábados libres e reclamar a necesaria recuperación do poder adquisitivo dos salarios, así como o dereito a conciliar.

“Non cederemos na libranza das fines de semana e tampouco nos salarios; fronte ao recorte salarial do 2021 e ante a suba desbocada dos prezos, que afecta ás nosas vidas e ás nosas familias, reivindicamos recuperar até o último céntimo”. Tamén demandan o dereito a adaptar a xornada “para evitar que as compañeiras, que son quen maioritariamente o solicitan, teñan que reducir xornada e salarios para poder coidar das crianzas”.

Novas mobilizacións

Lembran que o anterior convenio, asinado en 2021 por CCOO e UGT co rexeitamento da CIG, supuxo un recorte nas nóminas dun 6.8% nese ano e dun 7.4% no que vai de 2022. “A día de hoxe levamos perdido case un 15% en 14 meses, polo que canto máis queren que perdamos?”, pregúntanse.

Diante disto, anuncian que continuarán coas mobilizacións “por moito que lle moleste á patronal, que chamou ás forzas policiais para interromper unha protesta pacífica”. Ademais, lamentan que o empresariado adiase a xuntanza da mesa negociadora prevista para este luns día 7, fixando a nova data para o xoves 10, Día da Clase Obreira Galega. “Para esa xornada temos unha mobilización en Ferrol, así que xa solicitamos que cambien a data”.