A CIG-Industria reclama un plan específico para a automoción galega aproveitando a moratoria aos vehículos de combustión

Considera que o levantamento da prohibición por parte da UE á venta deste tipo de vehículos a partir de 2035 ten que ser utilizado para reactivar o sector
Nacional - 17 Dec 2025

A CIG-Industria considera que o anuncio feito pola Unión Europea a respecto da anulación de prohibir a venta de vehículos con motores de combustión máis alá do 2035 ten que ser aproveitada para aplicar unha serie de medidas que garantan o futuro da automoción galega, comezando pola elaboración dun plan industrial específico para o sector.

“Nin as empresas nin as administracións implicadas -Goberno central e Xunta de Galiza- poden entender esta moratoria como unha oportunidade para seguir afondando no desmantelamento e destrución dunha industria clave para o noso país”, sinala o secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde. 

Os cartos públicos do PERTE para a industria e as subvencións para o desenvolvemento do coche eléctrico son empregados polas empresas para aumentar os seus beneficios

Conde lembra que os cartos públicos que están a ser destinados aos fondos PERTE para a industria e as subvencións para a investigación e desenvolvemento industrial do coche eléctrico “son empregados polo sector para aumentar os seus beneficios e non para dotar a automoción dunhas bases sólidas”, tal e como vén reclamando a CIG.

Neste senso, considera que esta moratoria ten que servir para que se adopten as medidas que xa hai anos tiñan que ter sido aplicadas, como un plan industrial propio para Galiza e para o sector, demanda que motivou precisamente as últimas mobilizacións convocadas pola Coordinadora do Automóbil da CIG e pola propia federación de Industria.

De feito, o pasado 28 de novembro a central sindical desenvolveu unha manifestación en Vigo coincidindo co primeiro aniversario da folga convocada no sector a nivel galego para demandar un plan industrial e denunciar o uso de diñeiro público para engordar as contas de resultados das empresas principais e das auxiliares “mentres vemos como aumenta a precariedade entre os cadros de persoal”.

Finalmente, advirte que “a miopía da administracións, poñéndose ao servizo dunha industria que só busca os seus intereses e o reparto de beneficios millonarios, sen atender á urxencia dun plan que defenda os dereitos das persoas traballadoras, non evitará a desaparición do sector do automóbil en Galiza, a súa deslocalización e a precarización das condicións laborais”.