A CIG inicia en Pontevedra as protestas por un salario digno no sector do comercio de alimentación

Máis de 150 persoas percorreron as rúas da cidade o venres, mentres que para este domingo hai convocada unha manifestación en Vigo
Pontevedra/Vigo - 05 Xun 2023

A federación de Servizos da CIG iniciou o pasado venres en Pontevedra as mobilizacións en demanda duns salarios dignos no sector do comercio de alimentación ante o inmobilismo da patronal á hora de abordar esta cuestión nas negociacións do convenio.

 

Dende a CIG-Servizos explican que a central sindical optou por convocar as protestas tras abordar co persoal do sector o estado das conversas co empresariado nas asembleas celebradas en Pontevedra e Vigo. “As traballadoras/es reclaman sobre todo un incremento salarial que permita recuperar a perda de poder adquisitivo, pero a patronal négase sequera a tratar este asunto na mesa de negociación”, denuncian.

De feito, tras sete xuntanzas entre a parte social e empresarial a cuestión económica aínda non foi abordada a pesar de que na quinta reunión a CIG propúxolle ao resto de centrais que o seguinte encontro se dedicase a este tema, “algo que aceptaron, mais a patronal opúxose”.

Por iso dende a central sindical anuncian que barallarán a convocatoria de novas mobilizacións no caso de que o empresariado non acceda a tratar a cuestión económica -unha das principais reivindicacións do persoal do sector- na xuntanza prevista para o 13 de xuño.