A CIG inicia mobilizacións para esixir o desbloqueo da negociación do convenio de oficinas e despachos de Lugo

A central sindical concentrouse diante da sede da CEL

Lugo -

A CIG realizou na mañá deste xoves unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo para esixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo provincial de oficinas de oficinas e despachos, vencido dende o 31 de decembro de 2011, e poder avanzar nun novo marco normativo que actualice condicións e salarios.

No ano 2014 iniciáronse e realizouse algunha negociación, pero a consecución dun novo convenio ficou paralizada polas diferenzas entre a patronal e parte social a respecto do plus de antigüidade. "Desde a CIG, explica Miguel Fernández, secretario comarcal da CIG-Banca, temos solicitado en varias ocasións que se retomaran as negociacións, non sendo posíbel pola negativa da patronal a retomar a mesa negociadora".

Apunta que o pasado mes, a CIG volveuse dirixir á CEL para pedir que convocara á mesa de negociación, "mais non obtivemos resposta, polo que esta situación de paralización  do convenio colectivo de oficinas e despachos é absolutamente inadmisíbel".

A este respecto denuncia que "non se pode permitir a paralización dun convenio colectivo durante 8 anos", e entende "que é absolutamente urxente" a convocatoria da mesa negociadora para, polo menos, poder negociar e actualizar as  táboas salariais de xeito inmediato e posteriormente o resto de cuestións do convenio.

Campaña de mobilizacións

Esta concentración marca o inicio dunha campaña de presión sobre a patronal para esixirlle que sente negociar. Campaña que a CIG tamén vai estender aos centros de traballo, "facendo chegar aos traballadores e ás traballadoras do sector a nosa reivindicación a prol do desbloqueo da negociación do convenio colectivo".

Volver