A CIG inicia mobilizacións pola readmisión dos traballadores de SmartGreen despedidos por presentarse ás eleccións sindicais
A CIG concentrouse na tarde deste martes en demanda da readmisión dos dous traballadores despedidos pola empresa SmartGreen, de Itelsis Group, xusto despois de presentarse o preaviso de eleccións sindicais ás que ían concorrer como candidatos. Con esta concentración dáse inicio ao calendario de mobilizacións en rexeitamento a esta medida empresarial que claramente constitúe unha vulneración dos dereitos e liberdades sindicais, polo que, ademais, a CIG vai presentar denuncia xudicial solicitando a nulidade dos despedimentos.
A empresa, explica Renato Núñez, secretario de Organización da CIG-Banca de Compostela, alega que se trata dun despedimento disciplinario e dun axuste de cadro de persoal "que casualmente coincidiu co inicio do proceso electoral nunha empresa na que o persoal está descontento pola aplicación dun convenio que non corresponde co do sector".
Hai que subliñar que nesta empresa se aplica o convenio de consultorías mentres que na principal, Itelsis Group, o persoal réxese polo convenio do metal da Coruña, de condicións socioeconómicas superiores. Para corrixir esta discriminación entre traballadores/as que comparten instalacións e tarefas, o persoal de SmartGreen leva máis de un ano organizándose e neste contexto acordou a convocatoria de eleccións sindicais.
Pero a resposta da empresa, en vez de sentar negociar, foi despedir aos dous compañeiros que se ían presentar na candidatura da CIG e aos que agora se nega a readmitir, malia esta decisión constituír unha clara represión sindical.
Reñato Nuñez cualifica a actitude de SmartGreen de "intolerábel" e xa adianta que "seguiremos mobilizándonos e denunciaremos onde sexa necesario para conseguir que os dous traballadores inxustamente despedidos recuperen o seu emprego e para que respecte as condicións laborais, salariais e sociais do conxunto do persoal”.