• Nova

A CIG inicia os actos polos 50 anos das loitas de 1972 con asembleas de delegados/as e a presentación dun audiovisual

O vídeo repasa os feitos daquel ano e a súa transcendencia na construción do sindicalismo nacionalista de clase
Nacional - 24 Feb 2022

A CIG iniciou este xoves os actos conmemorativos do 50 aniversario das loitas obreiras de 1972 realizando asembleas de delegadas e delegados en todas as comarcas e a presentación pública no Ateneo Ferrolán do traballo audiovisual elaborado pola central sindical co gallo destas loitas que deron lugar ao nacemento do sindicalismo nacionalista e á constitución do 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega.

Con estes actos, previos á manifestación nacional convocada para o propio 10 de Marzo en Ferrol, a CIG  arranca o programa de actos, iniciativas e mobilizacións que desenvolverá ao longo deste ano para pór en valor a transcendencia das loitas do 72 e reivindicar a súa plena vixencia. Nun momento ademais, marcado pola grave crise industrial e social que atravesa Galiza, e o proceso de recentralización, no que afonda a nova reforma laboral,  negador dos marcos propios de relacións laborais.

De aí que o lema escollido pola CIG para a conmemoración desta data sexa “Somos Clase. Somos Nación. A loita continúa”. Así o puxo de manifesto o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a súa intervención pola mañá na asemblea de delegados e delegadas en Compostela e na clausura do acto celebrado no Ateneo de Ferrol, pola tarde.

Presentación en Ferrol do audiovisual "A semente do 72"

Nesta presentación pública do audiovisual “A semente de 1972”, participaron, ademais de Carril, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, os extraballadores da Bazán, Alfonso Tellado e Pepe Teixido, e o ex dirixente do BNG e da UPG, Francisco Rodríguez. Aínda que estaba previsto que intervira tamén o daquela crego de San Xoán, Anxo Ferreiro Currás, por vía telemática, finalmente por problemas técnicos non se puido concectar. No coloquio rememoráronse os sucesos daquel marzo de 1972 no que os obreiros do estaleiro convocaron folga e saíron á rúa para reivindicar o dereito á negociación colectiva e a ter un convenio propio.

Mobilizacións que foron duramente reprimidas pola ditadura, co momento máis álxido no 10 de marzo, cando os obreiros Amador e Daniel foron asasinados pola policía franquista e ducias de traballadores resultaron feridos. Mais que tamén que supuxeron o inicio dunha vaga contestaria que se estendeu por todo o país (tamén ao ámbito estudantil) e que levaría á histórica folga de setembro en Vigo.

Na palestra, abordouse a transcendencia que estas loitas tiveron na constitución do movemento obreiro e na construción do sindicalismo nacionalista de clase que hoxe representa a CIG. Por iso, Paulo Carril reiterou que para a CIG, o 10 de Marzo segue sendo unha data de loita con contido reivindicativo e na que seguimos reclamando o dereito a termos un marco propio de relacións laborais. "Por iso, a nosa mellor homenaxe a Amador e a Daniel e a todas as persoas que se ergueron con valentía para reclamar os seus dereitos e liberdades e seguirmos practicando unha acción sindical combativa, asemblearia, participativa e democrática", afirmou Carril.

Defendeu a loita e a mobilización como único camiño para a conquista de dereitos, pois tal e como verifica a historia do movemento obreiro, "non hai mellora rela das nosas condicións de vida que non pasen pola confrontación social, pero tamén ideolóxica, contra o pode económico e político".

Preparando o 8 de Marzo

Alén do significativo de cumprírense 50 anos das loitas do 72, nas asembleas de delegadas e delegados tamén se informou da campaña arredor do 8 de Marzo e das mobilizacións que a central sindical ten convocadas para o Día Internacional da Muller Traballadora, que este ano se desenvolve baixo o lema “Mulleres traballadoras precarizadas polos gobernos”.

Accións que foron acordadas nos encontros de mulleres previos e organizados nas asembleas de delegadas e afiliadas realizadas pola secretaría das Mulleres a pasada semana en todas as comarcas.

A secretaria confederal das Mulleres, Nicolasa Castro, subliña que para a CIG esta non é unha data de celebracións ou conmemoracións baleiras de contidos, senón que é unha xornada de loita polos dereitos das mulleres traballadoras. Por iso están convocadas mobilizacións en 21 localidades para “chamar a atención sobre a responsabilidade dos gobernos dos diferentes ámbitos na situación de desigualdade que seguimos padecendo as traballadoras en Galiza”.