A CIG inicia unha campaña de información e acompañamento das persoas migrantes no proceso de regularización extraordinaria

A central defende un modelo de migración con dereitos e esíxelle axilidade ao Goberno central na publicación das condicións definitivas no BOE
Nacional - 31 Mar 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de información e acompañamento das persoas migrantes para que poidan acollerse ao proceso de regularización extraordinaria que se abrirá no mes de abril. A central sindical defende un modelo de migración con dereitos e reclámalle ao Goberno central axilidade na publicación das condicións definitivas, xa que a normativa aínda non foi publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) a escasos días do inicio do prazo.

A CIG defende que a inmigración é un fenómeno estrutural na Galiza, non marxinal nin conxuntural. E lembra que as persoas migrantes sosteñen sectores enteiros da economía, compensan o colapso demográfico e contribúen de forma decisiva ao sistema de pensións e ao crecemento do PIB. Porén, dende o sindicato denuncian que fan todo isto en condicións de precariedade que non serían aceptables para outros colectivos. 

A irregularidade administrativa é a principal ferramenta que usa o capital para converter a fenda xurídica nun estado de vulnerabilidade que acaba deprimindo as condicións do conxunto da clase traballadora

“A irregularidade administrativa é a principal ferramenta que usa o capital para converter a fenda xurídica nun estado de vulnerabilidade que acaba deprimindo as condicións do conxunto da clase traballadora”, sinala a CIG. “Non podemos permitir que existan persoas traballadoras de primeira e de segunda. Quen traballa aquí ten dereito a ser tratado como parte plena do país”.

O sindicato rexeita os discursos que culpabilizan ás persoas migrantes dos problemas estruturais como a falta de vivenda ou a precariedade laboral. Pola contra, advirte de que esa tensión é artificial e que os datos demostran que non existe competencia directa polo emprego.

Demora na publicación da normativa

A CIG manifesta a súa preocupación ante a falta de publicación no BOE das condicións definitivas do proceso de regularización, cando o prazo para presentar solicitudes está a piques de abrirse. O sindicato considera inaceptable que as persoas migrantes e as entidades que as asesoran teñan que traballar con información fragmentada e provisional a estas alturas.

Na central consideran que o proceso de regularización extraordinaria que abrirá o Goberno do Estado é un paso necesario para garantir dereitos laborais, pero advirten de que a incerteza normativa dificulta a preparación dos expedientes.

Principais requisitos que se manexan

-Estar no Estado español antes do 31 de decembro de 2025.

-Acreditar permanencia continuada de cinco meses inmediatamente anteriores á solicitude.

-Non ter antecedentes penais nin no Estado español nin no país de orixe.

-Pasaporte en vigor no momento da presentación da solicitude.

A documentación necesaria inclúe, con carácter preferente, o certificado de empadroamento histórico, contratos de aluguer con recibos de pago, facturas de servizos, informes médicos, extractos bancarios e billetes de entrada ao país. Neste senso, a CIG recomenda preparar o expediente con antelación.

Regularización, formación e dereitos

A CIG advirte de que a regularización non é a meta final, senón o punto de partida. Por iso, esixe:

-Regularización áxil e permanente de quen traballa e vive no país, con eliminación da vinculación entre situación administrativa e acceso a dereitos laborais.

-Homologación efectiva de titulacións, acabando co desperdicio de capital humano que supón que médicas, enxeñeiras e profesoras traballen en postos moi por baixo da súa cualificación.

-Acreditación de competencias profesionais para quen ten experiencia pero carece de títulos formais.

-Formación sectorial en horario laboral e con remuneración, incluíndo itinerarios de integración lingüística en galego.

-Loita activa contra o racismo e a xenofobia no ámbito laboral.

PRAZOS CLAVE DO PROCESO DE REGULARIZACIÓN

-Solicitude aberta: principios de abril a 30 de xuño de 2026.

-Efectos da admisión: unha vez admitida a solicitude, a persoa queda autorizada provisionalmente para residir e traballar en calquera sector e en todo o territorio do Estado.