A CIG inicia unha campaña polo mantemento do emprego no sector dos centros de chamadas

A central iniciou co BNG unha rolda de contactos institucionais para reivindicar políticas que revertan as deslocalizacións, garantan a atención en galego e que se respecte a normativa de protección de datos
Nacional - 07 Mar 2025

A representación da CIG nos centros de chamadas acaba de iniciar unha campaña para denunciar a situación de desmantelamento e precarización deste sector en Galiza e reclamar medidas para evitar as deslocalizacións, a perda continuada de empregos, garantir que as empresas deban ter atención en galego e que se respecte a normativa de protección de datos.

Neste contexto, delegados e delegadas da CIG mantiveron unha xuntanza na tarde de onte co deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, e representantes da formación nacionalista no Concello da Coruña, para abordar a situación do sector, con especial atención as empresas Abai Group e Atento, e solicitar apoio das diferentes administracións ás reivindicacións sociais.

O problema de contact center non é a falta de traballo, senón as pretensións das empresas de reducir custes ao máximo"

O secretario de CIG-Banca na Coruña, Sergio Toucedo, explica que este encontro se enmarca na rolda de contactos institucionais que a central sindical ten previsto levar adiante para reverter a crise nun sector que xera miles de empregos en Galiza. “Temos moi claro que o problema de contact center non é un problema de falta de traballo, senón das pretensións das empresas de reducir custes ao máximo, xa sexa fomentando a deslocalización masiva da atención a terceiros estados, maiormente América do Sur, ou ao uso da intelixencia artificial para o reducir os postos de traballo, promovendo a autoxestión e automatización destes servizos, en detrimento da calidade”, advirte Toucedo.

Milleiros de empregos perdidos

Lembra que só na comarca da Coruña se destruíron máis de dous mil empregos nos últimos anos: Abai (antes Extel e Eurocen) pasou de contar con 1.000 persoas traballadoras en 2016 a ter menos de 500, en Atento a situación é máis grave, pasando de case 1.500 persoas a pouco máis de 400 na actualidade. Mentres, en Teleperformance destruíronse 600 postos de traballo nos últimos 5 anos e Concentrix sufriu recentemente un ERE que afectou a case 70 persoas.

Critica Toucedo que este desmantelamento se produce “ante a inacción dos gobernos español e galego, que permiten ás empresas facer o que lles peta, sen importarlle nin o emprego que se destrúe, nin as condicións laborais, nin que se garanta unha atención de calidade ás persoas usuarias”. Insiste en que “falamos de grandes multinacionais, con beneficios millonarios que dispoñen de plataformas de atención á clientela en terceiros países ás que derivan as chamadas e xestións que se viñan realizando na Galiza, simulando así unha baixada da carga de traballo para poder promover ERE ou ERTE. Por iso, decidimos iniciar esta campaña, no marco da que tamén convocaremos diversas mobilizacións ao longo dos próximos meses”.

Políticas para reter o emprego

Neste camiño, na reunión de onte, acordouse que o BNG promova unha declaración institucional a nivel municipal e, no caso de non existir consenso entre os grupos da Corporación da Coruña, a formación presentaría unha moción para o seu debate e votación en pleno.

Así mesmo, estúdase levar iniciativas similares ao Parlamento galego e ao Congreso. Toucedo lembra que Telefónica é unha das grandes operadoras de telecomunicacións que ten subcontratados estes servizos e que actualmente o Estado posúe o 10% de participación nesta compañía. “Queremos que o Goberno español aclare que medidas van tomar para impedir que Telefónica-Movistar permita que as súas contratas sigan a deslocalizar a actividade  da atención á clientela e que medidas promoverá para o retorno destes servizos co obxectivo de recuperar os postos de traballo no noso país”.

Unha demanda que debe estender ao resto das grandes empresas do Ibex 35, posto que son as que concentran a gran parte da actividade de contact center. “Deben prestar os seus servizos de atención aquí. Non é só cuestión de postos de traballo, tamén de proximidade e calidade na atención para toda a cidadanía e de garantir o cumprimento da lei de protección de datos. Demandamos o mantemento dos postos de traballo en Galiza e que se lexisle para garantir a atención telefónica na nosa lingua como un dereito que temos as galegas e os galegos, mais tamén como unha vía para reter o emprego aquí e xerar novos postos de traballo” conclúe.