• Nova

A CIG inicia unha campaña polo mantemento do poder adquisitivo dos salarios no sector da banca

O persoal leva anos cos soldos conxelados mentres soben as comisións á clientela e as escandalosas retribucións da alta dirección
Nacional - 28 Abr 2022

Delegadas e delegados da CIG no sector bancario desenvolveron unha xornada de mobilizacións este xoves na Coruña en protesta pola situación insostíbel creada a causa da brutal redución de persoal mediante os distintos ERE; a non actualización dos salarios e a perda de poder adquisitivo tras anos de conxelación e subas irrisorias; e para denunciar tamén a falsa campaña de preocupación pola clientela posta en marcha polas entidades bancarias para lavar a súa imaxe, mentres continúan subíndolle as comisións e recortando os servizos.

Esta primeira xornada de mobilizacións, que terá continuidade nos vindeiros meses, incluíu concentracións diante de sucursais de Abanca, Banco Santander, Banco Sabadell, CaixaBank, Bankinter e BBVA e rematou diante do edificio da Delegación do Goberno na Coruña.

No contexto de precarización laboral e perda de emprego sufrida no sector na última década, a representación da CIG denuncia que o persoal dos bancos e das antigas caixas de aforro leva anos cos seus salarios conxelados, mentres a carestía da vida medra imparábel. E aínda que as entidades obteñen beneficios millonarios "as nosas condicións empeoran, hai menos persoal en oficina e os nosos salarios están cada vez máis recortados”, advertiron Clodo Montero e Miguel Fernández, representantes da CIG na mesas do convenio de Aforro e de Banca, respectivamente.

Lembran que en 2021  o IPC se situou no 6,5% e que no mes de marzo, a nivel galego, xa superou o 10%, polo que a perda da capacidade adquisitiva dos traballadores e das traballadoras "é brutal". Fernández explica que, aínda que estes convenios sempre estiveron marcados polos recortes salariais, este deterioro veuse incrementado polas miserentas subas pactadas e a renuncia dos sindicatos asinantes a manter a cláusula de revisión automática.

A cambio aceptaron introducir unha cláusula de participación en beneficios "pero que non se cobran en ningún momento, a pesar de que os bancos cada día teñen maiores beneficios e as direccións perciben retribucións indecentes".

Xunto a isto, Montero subliña que tamén están conxeladas as compensacións variábeis que, ademais, "cos obxectivos que nos marcan as entidades son imposíbeis de cobrar". A isto engádese que as novas contratacións que se fan no sector son en precario, a tempo parcial e con salarios de 800€.

Máis obxectivos e presións

Pola contra "si que nos aumentan os obxectivos comerciais e métennos unha presión tremenda para colocar produtos financeiros que a clientela non demanda. Incluso temos obxectivos por produtos complexos que entendemos que a normativa europea prohibe".

"Non poden subir os obxectivos, reducir persoal, aplicar un ERE tras doutro e recortarnos o salarios mentres á clientela lle soben as comisións directas e indirectas e se lle restrinxen os servizos", critica Montero. Nesta liña, Miguel Fernández apunta que incluso hai entidades que lle cobran unha comisión a clientela por retirar cartos na caixa da súa propia conta.

Esta política dos bancos, sinalan, provoca ademais un enorme malestar entre as clientas e os clientes "cuxas consecuencias somos os traballadores e as traballadoras quen ten que pagar".

As patronais rexeitan negociar a proposta da CIG

Para reverter o recorte dos salarios, a CIG trasladoulle unha proposta á patronal para negociar un incremento destes, "pero denegaron negociar porque din que teñen os convenios pechados". A CIG tamén reclamou a nivel de empresas unha actualización dos complementos para tentar minimizar a perda do poder adquisitivo, pero a resposta foi igualmente negativa.

"O que estamos reivindicando é que os bancos nos suban os salarios de igual maneira que nos aumentan a carga de traballo e os obxectivos. Por iso seguiremos coas mobilizacións de delegadas e delegados, mais no camiño de facer unha gran mobilización de traballadores e traballadoras do sector", concluíron.