A CIG iniciará un intenso calendario de actuacións para esixirlle aos gobernos solucións inmediatas para a industria electrointensiva

A central demanda a creación dunha mesa de traballo "sen exclusións e transparente"
A Coruña - 01 Feb 2019

A CIG compareceu este venres en rolda de prensa para esixir dos Gobernos medidas inmediatas para reverter a grave crise industrial que atravesa o sector electrointensivo e evitar o peche de empresas e a destrución do postos de traballo. A central lanzou un chamamento a continuar na loita nos centros de traballo e nas rúas e deu a coñecer as iniciativas que ten previsto desenvolver nas vindeiras semanas.

Non podemos quedar de brazos cruzados, porque despois de Alcoa poden ser os empregos doutras electrointensivas as que corran a mesma sorte"

 "Non podemos quedar de brazos cruzados, porque despois de Alcoa poden ser os postos de traballo doutras empresas electrointensivas as que corran a mesma sorte", aseverou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril durante a comparecencia na que tamén participaron o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e os delegados da CIG en Ferroatlántica Cee-Dumbría-CCHH, Ferroatlántica Sabón, Alcoa A Coruña, Alcoa San Cibrao e Celsa Atlantic, que previamente mantiveron unha xuntanza para avaliar a situación do sector e as iniciativas a realizar.

A mobilización e a loita, o único camiño

A CIG entende que hai que continuar na loita "porque este é o único camiño para garantir que se adopten as políticas públicas necesarias para defender o interese xeral" e lanzou un chamado a CCOO e UGT para buscar puntos de encontro nas propostas reivindicativas e concretar un calendario de mobilizacións a levar a diante "de inmediato", incluíndo a convocatoria de xornadas de folga na industria electrointensiva.

Neste senso, Carril alertou que a urxencia nas actuacións segue a estar condicionada pola contra atrás para evitar a execución dos despedimentos na fábrica de Alcoa A Coruña, que remata o 1 de xullo. Por iso, a CIG vai desenvolver unha concentración o próximo 14 de febreiro, diante da Delegación dos Goberno, coincidindo coa entrega, unha vez máis, da proposta que a central sindical ten elaborada para a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e que recoñeza o estatuto específico da industria electrointensiva.

Esta proposta xa fora remitida aos Gobernos galego e español e á patronal do sector o pasado mes de outubro "e agora volverémoslla remitir ao Ministerio de Industria no marco do período que ten aberto facer achegas ao estatuto de consumidores electrointensivos recollido no RD20/2018", matizou.

De igual xeito, a CIG vai levar adiante un calendario de mobilizacións -con carácter mensual- nas diferentes fábricas afectadas, comezando cunha concentración o 1 de marzo na fábrica de Ferrotlántica de Cee, ás 12:00 horas. Para o 10 de marzo, no marco das mobilizacións que a CIG convoca cada ano para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, daráselle singularidade e especial relevancia ás demandas do sector naquelas comarcas afectadas por esta problemática (nomeadamente A Coruña, Lugo-A Mariña e Ferrol).

Mocións nos Concellos e asemblea nacional de delegados/as

Así mesmo, nas próximas semanas presentaranse mocións para debater a proposta da CIG para a creación da tarifa industrial en todos aqueles concellos nos que hai instaladas empresas con grandes consumos enerxéticos. Xa no mes de abril, a CIG vai celebrar unha asemblea nacional de delegados e delegadas do sector industrial en Santiago de Compostela, ao remate da que haberá unha manifestación.

"Toda urxencia é pouca para atopar unha solución que temos claro que esixe dun marco estábel para a industria electrointensiva, pero tamén de accións do Goberno español", subliñou Carril, quen valorou que, conforme a proposta da CIG, é posíbel ir efectivizando de inmediato estas medidas a través dos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, en paralelo á regulación completa dun novo marco enerxético, que debería estar definido nun prazo máximo de 4 meses.

No marco desas medidas urxentes, demandou do Goberno español que, de ser preciso, asuma transitoriamente, a través da SEPI, o control das fábricas, atendendo a que Alcoa Inespal naceu no sector público e tendo presente o caso da planta de aluminio pechada por Alcoa en Italia, "hoxe aberta mediante a intervención do Estado".

Mesa de traballo sen exclusións e transparente

Dende a CIG destacouse tamén a necesidade de crear unha mesa de traballo onde estean presentes todos os sectores afectados, sen exclusións e transparente, para desenvolver o estatuto da industria electrointensiva. Carril cualificou de "escandaloso e lamentábel" o papel xogado polo Ministerio de Industria e a Xunta de Galiza durante o conflito de Alcoa, especialmente dende o 8 de xaneiro, "cando asumiron o plan de peche formulado pola multinacional".

Nesta liña, lembrou que a pesar dos reiterados chamamentos que a CIG fixo ao Goberno español, á ministra de Transición Enerxética, "escandalosamente desaparecida neste asunto vital", e á Xunta para crear unha mesa de traballo con todas as partes implicadas, non houbo resposta neste sentido.

É máis, denunciou, a mesa industrial nacida durante o conflito de Alcoa, "que naceu mal, funcionou peor e acabou en desastre", foi excluínte xa que non se convidou nin a todos os sindicatos máis representativos -a CIG non puido participar-, nin á representación do comités de empresa. E nin sequera a Xunta do PP atendeu á declaración institucional aprobada no Parlamento galego o 24 de outubro en apoio ao persoal de Alcoa e que reflectía a necesidade de crear unha mesa de traballo "para que o Goberno galego fose a Madrid cunha postura galega consensuada e non co exclusivo programa do PP".

A este respecto, Carril subliñou o rechamante que resulta que fora o comisario europeo de Enerxía, Miguel Arias Cañete, quen amosara máis receptividade, non atopando ningún punto na proposta contrario á normativa europea e da competencia. "Nós temos propostas e alternativas e se hai quen as teña que as poña na mesa, porque até o de agora non coñecementos outras iniciativas e se as hai é unha grave irresponsabilidade que non sexan postas en común", aseverou

O sector enerxético ten un valor estratéxico

Durante a comparecencia á prensa, púxose o acento na valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, tanto polo que representa no PIB como por ser factor relevante na produción industrial. Porén, Galiza non ten capacidade para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia, senón que "desempeñamos exclusivamente un papel subministrador para o resto do Estado", espoliándose os nosos recursos sen que revertan no desenvolvemento económico e social do país.

Son urxentes e necesarias políticas públicas que salvagarden que a enerxía é un servizo público, un ben básico, e non un ben de consumo calquera, e que permitan frear os aumentos constantes do prezo da electricidade"

Neste contexto, resulta difícil de comprender a negativa da Xunta do PP a adoptar iniciativas neste eido e mesmo a considerar aquelas propostas que se lle presentan, como a ILP para unha tarifa eléctrica que no seu día a CIG levou ao Parlamento e que sendo admitida, o PP baleirou de contido na súa tramitación. "Son urxentes e necesarias políticas públicas que salvagarden que a enerxía é un servizo público, un ben básico, e non un ben de consumo calquera, e que permitan frear os aumentos constantes do prezo da electricidade, impostos polo réxime de oligopolio que controlan as empresas eléctricas", afirmou Carril.

A poxa da interrumpibilidade é "unha ruleta rusa"

Dende a CIG salientouse tamén que as reformas no sector eléctrico aprobadas polo Goberno do PP en 2013, provocaron que os empregos na industrias electrointensiva estean en permanente risco. Nomeadamente referiuse á implantación da poxa de interrompibilidade (inicialmente con carácter anual e despois semestral) que definiu como unha sorte de "ruleta rusa" que fomenta a competencia desleal entre empresas do mesmo sector produtivo, outorgando prezos da electricidade moi dispares e cuxas consecuencias máis dramáticas vémolas no ERE de Alcoa e no apagado dos fornos de Ferroatlántica en Cee e Sabón.  

Criticou que o Goberno do PSOE non só mantivo este sistema de poxas semestrais, "con nefastas consecuencias", senón que aprobou en decembro o Real Decreto 20/2018 "que non é máis que unha simple declaración de intencións, con medidas insuficientes e de moi lenta aplicación, que demostran improvisación, incompetencia e incapacidade para pór freo á gravísima crise industrial no noso país".