A CIG insta a Administración a establecer coeficientes redutores da idade de xubilación no sector naval

A central, na súa condición de sindicato máis representativo, vén de rexistrar a petición ao Ministerio
Nacional - 12 Xul 2018

A CIG vén de instar por escrito ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social a que inicie os trámites legais para o establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación para os traballadores e traballadoras do sector naval. Deste xeito, a central dá resposta a unha reivindicación que dende hai tempo se viña debatendo entre o persoal e que "é de xustiza".

A Federación de Industria fai esta solicitude seguindo a normativa vixente, pola cal as organizacións sindicais (a CIG ten a condición de sindicato máis representativo) poden instar a administración a que inicie o procedemento para o estabelecemento de coeficientes redutores ou a anticipación da idade de xubilación. A reivindicación abarca ao persoal das empresas do naval tanto de titularidade pública como privada, así como ás súas industrias auxiliares.

Facémonos eco dunha demanda do sector, onde existe a unánime convicción da necesidade desta medida, coñecedores como son das duras condicións do traballo e das múltiples patoloxías que van acumulando co tempo"

 "Facémonos eco dunha demanda do sector, onde existe a unánime convicción da necesidade desta medida, coñecedores como son das duras condicións do traballo e das múltiples patoloxías que van acumulando co tempo, que dan como resultado que a penosidade da actividade laboral aumente exponencialmente co paso dos anos", subliña a CIG-Industria.

Unha actividade moi esixente e con riscos

A Lei Xeral da Seguridade Social estipula que se poderá rebaixar a idade de xubilación naqueles grupos ou actividades profesionais nos que se fagan traballos excepcionalmente penosos, tóxicos, perigosos ou insalubres, que rexistren elevados índices de morbilidade ou mortalidade e nos que non sexa posíbel a modificación das condicións laborais.

Para fundamentar a petición, a CIG parte da comparación das condicións do persoal do naval coas que teñen os traballadores/as da estiba, por presentaren factores comúns e desenvolvérense en situacións similares. Ao igual que no sector da estiba, no naval o persoal ten que realizar tarefas fisicamente moi esixentes (con continuos desprazamentos entre diferentes niveis transportando equipos de traballo), nas mesmas ou semellantes localizacións (peiraos, a bordo, diques, gradas, explanadas portuarias, etc.) e expostos a todo tipo de meteoroloxía.

Ademais, o sector naval reúne unha combinación de riscos como tóxicos, traballos en altura, espazos confinados, atmosferas explosivas ou desprazamentos de grandes cargas, que ocasionan que estea encadrada no regulamento dos servizos de prevención "como actividade perigosa aos efectos de coordinación de actividades empresariais".

Xunto a isto, hai que ter en conta o impacto nas condicións de traballo da eventualidade do persoal, que xa se converteu en característica estrutural do sector; ou as consecuencias derivadas das prolongacións habituais de xornada e o réxime de traballo a quendas -incluído a nocturna.

Hai que destacar a problemática de saúde orixinada polo amianto, que ten provocado a existencia dun continxente de persoal afectado no sector, aínda en activo e sen cuantificar"

Mención especial merece a problemática de saúde orixinada polo amianto, que ten provocado a existencia dun continxente de traballadores e traballadoras afectadas no sector naval, aínda en activo e sen cuantificar.

Proceso administrativo complexo

Neste senso, dende CIG-Industria entenden que o estudo destes factores, xunto coa análise da sinistralidade, morbilidade, minusvalías e incapacidades do persoal do naval, consideradas conxuntamente as derivadas de continxencias comúns e as derivadas das continxencias profesionais, así como a esperanza de vida deste colectivo laboral "resultará profundamente revelador da necesidade de implantar un sistema de coeficientes redutores e a anticipación da idade de xubilación".

Dende a Federación de Industria da CIG adiantan que, de admitirse a trámite a solicitude, a administración terá que recoller os informes preceptivos dos organismos competentes e escoitar as organizacións sindicais e patronais máis representativas, antes de ditar resolución. "Iniciamos un procedemento administrativo que sabemos será prolongado, coa intención de ir acompañando cada un dos pasos e trámites que a propia administración impulsará de oficio, con reunións e entrevistas cos organismos competentes, e mesmo cos responsábeis gobernativos", conclúen.