A CIG insta a Alcoa a abandonar a vía do peche e a desbloquear as negociacións para garantir a continuidade industrial

A multinacional está a pór obstáculos imposíbeis para acadar unha solución

Cervo -

Na reunión telemática da mesa multilateral de información sobre o proceso de venda, a CIG instou a Alcoa a abandonar "os seus plans de peche" e a desbloquear as negociacións con GFG Alliance (Liberty House) de cara a facilitar unha venda que garanta os empregos e a continuidade produtiva na fábrica de San Cibrao sen parada das cubas. Así llo demandou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que lle lembrou á multinacional que o pasado 13 de agosto, todas as partes aceptaron traballar na proposta de mediación feita polas administracións española e galega para acadar unha solución.

Esa proposta tomouse como punto de partida para que Alcoa aceptara "con vontade real" unha venda e polo tanto a continuidade industrial sen parada de cubas. "Pero o paso dos días demostra que o único obxectivo de Alcoa é consumir este tempo 'de prórroga' para prefabricar unha exculpación polo fracaso  das negociacións ", advertiu Carril.

As cinco reunións da mesa de seguimento, engade, evidencian que Alcoa está a pór obstáculos imposíbeis para acadar a saída que nestes momentos está enriba da mesa: o proxecto industrial do grupo británico. Por iso, reclamoulle a Alcoa que deixe de boicotear a negociación alegando demandas imposíbeis por parte de GFG, como dispor dun contrato de subministros de alúmina máis alá dos cinco anos, tendo en conta que Alcoa "aterrizou no estado español reclamando garantías, subministros e prezos por prazos moi superiores".

De igual xeito, criticou que Alcoa insista tanto nos custes de separación cando estes teñen a ver con cuestións relativas a concesións ou permisos que dependen das administracións públicas. "Para que esta operación vaia adiante necesítase unha vontade de vender que Alcoa parece que non ten", espetoulle.

Á CIG alármalle que Alcoa teña máis preocupación por preparar un escenario de paradas das cubas que por "traballar de forma decidida pola continuidade da produción". "Non imos consentir que se traslade un posíbel fracaso das negociacións á mesa laboral ou que se queira precipitar todo á mesa negociadora do ERE o próximo  28 de setembro", advertiu.

En calquera caso, Carril reiterou que "nesa mesa non está a solución, só despedimentos e peche do aluminio primario, e nese foro nin sequera están representados/as todos os traballadores/as, porque o persoal das auxiliares segue sen ter cauce onde abordar a súa problemática ante calquera escenario que se dea".

Finalmente, Paulo Carril insitiu en demandar de Alcoa que acepte a mediación das administracións, "porque doutro xeito estades dinamitando o acordo que subscribimos o 13 de agosto, antes incluso de rematar o prazo de tempo fixado".

Así as cousas, de frustrarse a venda ou resultar nun acordo insuficiente, a CIG non renuncia á nacionalización do complexo de San Cibrao, posto que é unha opción posíbel e viábel e non existen limitacións normativas que impidan esta intervención pública, para que só fai falta vontade política.

Intensifícase o calendario de mobilizacións

Pola súa parte, os traballadores e as traballadoras están a intensificar o xa intenso calendario de mobilizacións para esixir solucións que garantan a continuidade dos empregos e da actividade produtiva do principal motor económico da Mariña. Onte xoves, nunha acción sorpresa, persoal e familiares marcharon a pé dende o Barreiros até a Ponte dos Santos en Ribadeo onde, ao berro de "as cubas non se paran", cortaron o tráfico da A-8. A esta mobilización pertencen as imaxes que acompañan esta nova.

Para este venres, está convocada unha marcha familiar nocturna polas rúas de Mondoñedo, que sairá ás 23 horas dende a estación de autobuses e irá até a Praza da Catedral, e na que os e as asistentes portarán linternas.

Volver