A CIG insta a Fiscalía a actuar contra a empresa de Poio que estafou a 14 traballadores da construción

A central sindical xa presentou denuncia diante da Inspección de Traballo pola actuación de Camsoar
Pontevedra - 18 Dec 2020

A federación da Construción e Madeira da CIG instou hoxe a Fiscalía a actuar contra Camsoar, a empresa de Poio que estafou a 14 traballadores aos que lles prometeu unhas condicións laborais vantaxosas -cun salario de 3500 euros mensuais- para que se trasladasen a Alemaña e que logo non cumpriu. A central xa puxo o caso en coñecemento da Inspección de Traballo o acontecido, e mesmo baralla presentar unha denuncia penal.

Foi o secretario comarcal da FCM-CIG de Pontevedra, Xaquín Agulla, o que reclamou a intervención da Fiscalía co obxectivo de que se depuren responsabilidades polo acontecido e se garante que os operarios afectados vexan resarcidos os seus dereitos e poidan ingresar os cartos que se lles adebedan.

“Ademais é fundamental que este tipo de empresario parasitos sexan retirados da circulación, porque o único que fan é aproveitarse da situación de necesidade na que se atopan moitas persoas”, asegurou.

Con todo, amosou poucas esperanzas en que se produza ningunha actuación neste sentido, xa que lembrou que en todos os anos que leva na CIG a Fiscalía nunca saíu en defensa dos dereitos da clase traballadora. “Ao mellor non actúan porque isto é un proceso e non un procés”, ironizou. Sexa como for, a CIG xa lle trasladou o acontecido á Inspección de Traballo, e barralla tamén a presentación dunha denuncia penal polo que considera un caso claro de explotación laboral.

Agulla compareceu hoxe en rolda de prensa en Pontevedra co responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Construción, Mario Maceiras, xunto a cinco dos 14 traballadores. Maceiras foi a persoa coa que primeiro contactaron os afectados, que recorreron á CIG cando comezaron a ser conscientes do problema que se lles viña enriba. Porque unha vez que tres deles deciden renunciar ao traballo ante os numerosos incumprimentos e polas condicións nas que teñen que vivir, a empresa abandónaos á súa sorte nunha zona rural do sur alemá.

Finalmente conseguen regresar grazas ás xestións da central e á axuda prestada polo BNG de Alemaña. Dende a federación de Construción e Madeira queren agradecer este apoio, e en especial a implicación do coordinador do BNG de Alemaña, Tomé Laxe, "pola impagábel axuda loxística prestada aos compatriotas estafados para recompoñerse e lograr retornar a Galiza".

Despois deles deciden volver catro máis, mentres que os sete restantes apostan por aguantar coa esperanza de que a situación mude. Pero a empresa vén de comunicarlles que teñen que abandonar Alemaña e regresar a Galiza. “Supoñemos que nesta decisión pesou a dimensión pública que tomou a nosa denuncia, porque mesmo está a saír nalgúns medios de comunicación alemáns, e a propia Nokia, para quen traballan todas estas contratas instalando fibra óptica, púxose en contacto con nós para coñecer os detalles”, explica Maceiras.

Pero este non foi o único cambio que se produciu na empresa dende que viu a luz a denuncia da CIG, xa que hoxe mesmo o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil recolle a baixa como administrador de Camilo Leonardo Aguilar Romo, Deste xeito, fica como administradora única Rebeca Pousada Abilleira, compañeira sentimental de Jesús Fariña Calvo, a persoa que imparte as ordes de traballo e toma as decisións.

Depurar responsabilidades

Pola súa banda, os traballadores afectados explicaron que as condicións nas que se produciu a viaxe fixeron que desconfiasen dende o primeiro momento. Ademais do considerábel atraso na saída e do feito de que non asinaron ningún contrato antes de marchar, tampouco recibiron o anticipo de 500 euros por persoa prometido senón que lles deron 350 euros para todos, cantidade que non chegou nin para cubrir os gastos da viaxe.

Unha vez alí atópanse que teñen que aloxarse nunha “infravivenda” que non reúne as mínimas condicións de habitabilidade nin salubridade. Por iso varios deles deciden abandonar antes mesmo de comezar a traballar. Ademais, puideron comprobar que os requisitos diarios que lles esixían eran inasumíbeis, os que os fixo sospeitar que a empresa aduciría baixo rendemento ou incumprimento do pactado para despedilos ou non pagarlles, como así lle aconteceu a un dos operarios, que unicamente recibiu 180 euros por catro días de traballo, cando supostamente o soldo sería de 3500 euros ao mes.

Agora queren facer valer os seus dereitos, que se depuren responsabilidades e que o que lles aconteceu non lle volva suceder a ningunha persoa traballadora. Por iso reclamarán que lles abonen os cartos que lles corresponden dende a data que os deron de alta na Seguridade Social. Aínda que un deles nin sequera foi dado de alta, tal e como puido comprobar unha vez en chan alemán. Outro foi dado de alta e de baixa sen o seu consentimento, o que lle supuxo a perda dunha prestación.